Unanimidade no nacemento da mancomunidade As Mariñas
A Mancomunidade As Mariñas xa está a piques de ver a luz. Os 9 Concellos da área metropolitana deron hoxe o paso definitivo dun proceso no que reina a unanimidade. O pleno do Consorcio, con todos os votos favorables, aprobou hoxe de forma definitiva os novos estatutos do ente, que conteñen o seu conversión en mancomunidade como única variación substancial. Esta aprobación levou a cabo tras finalizar o proceso de exposición pública da aprobación inicial sen recibir ningunha alegación.
Así mesmo, tanto a Xunta de Galicia como a Deputación da Coruña tiñan que emitir un informe xurídico á modificación. E en ambos os casos foi favorable. Tras a aprobación definitiva de hoxe, será necesaria a ratificación por parte dos plenos municipais, que requirirá da maioría absoluta da corporación. O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, pediu aos alcaldes a máxima celeridade na tramitación do acordo municipal con vistas a que a Mancomunidade As Mariñas estea xa en marcha ao comezo do ano. A previsión dos rexedores é celebrar, na maior parte, os plenos de decembro entre o día 16 e o 18.
Posteriormente a esa ratificación, o acordo será enviado á Xunta para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e automaticamente finalizaría todo este proceso. O Consorcio As Mariñas buscou con este procedemento cumprir coa modificación da lei que decidiu o Estado á vez que manter exactamente igual o funcionamento dunha institución que é un exemplo de cooperación municipal a través do consenso.











