Un total de 66 marcas da D.O. Rías Baixas protagonizan un túnel do viño en Vitoria

Túnel de viños Rías Baixas en Vitoria
Os viños de Rías Baixas viaxaron por primeira vez a Vitoria, onde protagonizaron un túnel do viño aberto ao consumidor. Na actividade participaron máis de 300 persoas, que tiveron así a ocasión de coñecer un total de 66 marcas de 22 adegas, amparadas pola Denominación de Orixe.
Deste xeito, os consumidores de Vitoria puideron degustar unha importante mostra dos viños que se están elaborando nestes momentos na D.O. Rías Baixas, desde viños da anada 2013 a viños con crianza sobre leas, con madeira, seleccións de anada, espumosos, blends… Ademais, aproveitando esta primeira visita á cidade, o secretario xeral da D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro, impartiu unha xornada de formación para 20 alumnos da Escola de Hostalaría Egibide, que serviu como peche da sesión matinal do túnel do viño.
Ramón Huidobro destaca que o País Vasco é un mercado estratéxico para esta Denominación de Orixe. Ao longo dos últimos anos, a D.O. Rías Baixas centrou as súas actividades en Bilbao e San Sebastián, pero debido á súa madurez e á súa cultura do viño Rías Baixas entendeu que é o momento de acudir por primeira vez á provincia de Álava, en concreto ao seu capital.
Segundo datos do informe Nielsen, os viños de Rías Baixas representan o 8,3% da cota da área 6 Norte-Centro (que inclúe Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Burgos e Palencia). Os viños con Denominación de Orixe Rías Baixas incrementaron a súa cota de mercado en volume ata o 13,9% (T.A.M. Xaneiro’14) na canle da Hostalaría, onde o valor da cota de mercado destes viños atlánticos ascendeu ao 22%, mentres que a súa cota de mercado en volume foi do 7,2% en alimentación en 2013, o que en valor se traduciu nun 14,1%.











