Un total de 400 pontevedreses cumpren condena de traballos en beneficio da comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

400 persoas cumpren actualmente condena na provincia de Pontevedra realizando traballos en beneficio da comunidade. Así o puxo de manifesto esta mañá o subdirector xeral adxunto de Penas e Medidas Alternativas do Ministerio do Interior, Miguel Ángel Vicente Cuenca, nunhas xornadas de traballo nas que participaron máis de 60 técnicos e responsables municipais e de entidades sen ánimo de lucro que colaboran na xestión deste tipo de condenas.

As xornadas foron inauguradas polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, que subliñou o valor deste sistema, que permite “que persoas con infraccións ou delitos leves non teñan que entrar en prisión e poidan compensalo con beneficios á comunidade”.

Tanto Louzán coma Vicente Cuenca incidiron en que para facelo é preciso a implicación de todos, porque se non se ofertan lugares e medios para que os condenados poidan cumprir coa súa pena dificultaríase enormemente o funcionamento deste sistema.

160 entidades colaboradoras

Vicente Cuenca agradeceu a participación no programa dos concellos, da propia Deputación e de entidades sen ánimo de lucro, que fan posible que a provincia de Pontevedra teña “suficientes prazas para que os penados poidan cumprir razoablemente as penas nun lugar próximo á súa residencia e en actividades de utilidade e interese público”.

Cifrou nunhas 160 as entidades que participan no programa, entre concellos, entidades locais menores, Deputación, ONG e terceiro sector.

No que vai de ano son preto de 1.000 as persoas que cumpriron penas de servizos en beneficio da comunidade nestes centros, cifra que ascende ás 5.000 en toda Galicia.

En canto ó perfil dos penados Vicente Cuenca subliñou que se trata “dun perfil moi amplo” no que hai tanto persoas que xa contan cun considerable historial delitivo coma outras “perfectamente integradas na sociedade, cunha vida normalizada”. Este amplo perfil obedece, precisamente, ó tipo de infraccións e delitos vinculados a estas condenas, que están relacionados coa seguridade viaria ou infraccións menores.

15 prazas anuais

Pola súa banda, o presidente da Deputación subliñou a “oportunidade e necesidade” destas xornadas de traballo, que lles permitiron ós responsables da xestión, control e supervisión dos penados en cada concello e entidade aclarar dúbidas e obter información relevante sobre cómo proceder ante posibles problemas, coma a falta de rendemento no traballo, ausencias ou dificultades para adaptar o perfil do penado ó labor que se lle encomenda.

Louzán incidiu na necesidade de buscar mecanismos para que esta colaboración entre Ministerio e concellos funcione da mellor maneira co obxectivo de lograr “unha sociedade máis xusta e solidaria”.

Lembrou que a Administración provincial colabora desde 2009 co Centro Penitenciario da Lama na xestión destas condenas, ofertando 15 prazas anuais para os penados.

13 de novembro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.