Un total de 378 mozos participaron nos 22 cursos de Pisando Forte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O curso de Director/a de ocio e tempo libre pon punto final ao programa de formación para o emprego xuvenil “Pisando Forte” organizado pola Concellaría de Xuventude, que se leva desenvolvendo dende marzo. Pisando Forte organizou 22 cursos, nos que participaron 378 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e 35 anos.

Este domingo día 30, ás 10h, o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez acudirá á Casazul ao inicio da última sesión da fase teórica deste último curso que pon o punto final ao programa.

Este curso de Dirección de Actividades de Ocio e Tempo Libre impartido pola Escola de Tempo Libre Paspallás, leva dous meses desenvolvendo a súa parte teórica (logo cada persoa ten 2 anos para realizar 150 horas de prácticas) durante as fins de semana na Casaazul e nel están a participar 19 profesionais do tempo libre con ampla experiencia.

A superación deste curso permitirá obter o título oficial da Xunta de Galicia para traballar como profesionais na organización e xestión de actividades de ocio e tempo libre, reguladas pola Lei de Xuventude de Galicia e o Decreto 50/2000 onde se esixe a contratación destes profesionais para certas actividades como por exemplo os campamentos de tempo libre, mais non só capacita para traballar coa infancia senón que implica a grupos de todas as idades, dende nenos e nenas ata terceira idade, adultos, mocidade,…

Esta formación vén a complementar a titulación de Monitor/a de Ocio e Tempo Libre, que xa se leva impartido no Pisando Forte durante os últimos 4 anos, polo que xa se facía necesario formar un grupo de segundo nivel e mellorar así as súas proxeccións profesionais.

Toda a formación do programa Pisando Forte da que se beneficiou a xente nova foi gratuíta, agás este curso oficial de Dirección de actividades de ocio e de tempo libre, que por ser un curso de especialización e dirixido tamén a profesionais en activo, as persoas participantes tiveron que pagar unha cota de inscrición, aínda que esta foi menor debido á colaboración municipal de cesión de espazos.

Todo o alumnado que supera as accións formativas do programa Pisando Forte, recibe un certificado municipal acreditativo da formación recibida, ou ben, as titulacións oficiais cando estas as emiten outras institucións (cursos oficiais de tempo libre e cursos de manipulación de alimentos).

Pisando Forte 2014 contou con 22 accións formativas. Varios cursos relacionados coa informática, as TICs e o software libre enfocados ao emprego (Curso básico de Informática e competencia dixital, Ferramentas en libre Office, Microwebs para grandes ideas, Makers, hardware libre e manufactura persoal, Community Manager e como montar unha Tenda On Line).

Formación específica para complementar o currículum formativo (Técnicas de venta e atención ao cliente, Manexo de aparatos DESA, Iniciación á Lingua de signos, Curso de Adaptación de xogos á discapacidade, un curso de Elaboración de Pan Artesán e 3 cursos de Manipulación da alimentos).

Cursos de especialización (Dirección de actividades de ocio e tempo libre, Produción e Organización de eventos musicais, Monitor/a de Comedor Escolar, Monitor/a de Deportes naúticos e unha Master Class de Guitarra). E dirixido a todos os perfís e orientado a descubrir no alumnado as súas potencialidades, recursos e necesidades, así como as áreas de mellora persoais para a inserción laboral, realizouse un Obradoiro de Coaching de 15 horas, con sesións grupais e sesións individuais.

Tamén, en colaboración coa Concellaría de Medio ambiente levouse a cabo un curso de Iniciación ás Labores Agrarias de 32 horas.

A toda esta formación engadiuse tamén o Local Project, vinculado ao Local de Música (outro proxecto da Concellaría de Xuventude), trátase dunha proposta de formación interna baseada na análise das necesidades dos grupos usuarios do Local de Música para propoñer diferentes accións formativas específicas, como por exemplo: como producir unha “demo”.

29 de novembro de 2014 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.