Un total de 30 condutores coruñeses foron denunciados por superar a taxa de alcoholemia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Seguridade Cidadá que dirixe Julio Flores, informa de que durante a madrugada do sábado ao domingo do pasado fin de semana un dispositivo especial da Policía Local da Coruña e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil detectou a un total de 30 condutores que deron positivo na proba de alcoholemia.

Esta acción preventiva conxunta e coordinada nas saídas da cidade da Coruña -a máis visible foi a situada na avenida da Pasaxe- deu como resultado 386 probas de alcoholemia. Delas, puxéronse a disposición xudicial, por superar a taxa de 0,60 mg/litro, cinco persoas polo procedemento de xuízo rápido. Así mesmo, outros 25 condutores foron denunciados por infraccións á Lei de Seguridade Viaria ao superar a taxa 0,15 ou 0,25 mg/litro.

Para complementar estas accións preventivas, establecéronse controis de velocidade nos arredores da cidade da Coruña para mellorar os comportamentos dos condutores e adecuar a velocidade ás esixencias da seguridade viaria, co obxectivo de reducir o risco e a gravidade dos accidentes, coa denuncia dos condutores que circulaban por encima dos límites establecidos.

Estas accións coordinadas entre a Agrupación de Tráfico e a Policía Local da Coruña, seguiranse levando a cabo, abarcando calquera tramo horario de calquera día e estendéndose a todas as vías, co obxectivo de reducir ao máximo a condución baixo os efectos do alcol e das drogas, un dos grandes retos aos que se enfronta a seguridade viaria.

13 de novembro de 2014 | 11:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.