Un total de 16 vendedores da praza de abastos participan no mentoring “Comer cos ollos”
Dezaseis vendedores da Praza de Abastos inician hoxe as sesións de mentoring organizado pola Concellería de Mercados no marco das actuacións de modernización e dinamización da actividade comercial no mercado público. A iniciativa leva por título “Comer cos ollos” e consistirá en amosarlle aos praceiros as ferramentas que lles permitan unha comunicación máis eficaz co cliente, sacar mellor rendemento ás técnicas de comercialización para saber vender en tempos de crise e actualizar o modelo tradicional de negocio.
O departamento que dirixe Rocío Llovo ofertou, de xeito inicial 15 prazas para esta actividade, aínda que debido ao interese dos praceiros, ao final serán 16 os que tomen parte na iniciativa. Todos os sectores existentes na praza estarán representados no mentoring, xa que asistirán verduleiras, peixeiras, carniceiros e comerciantes de produtos conxelados.
A mentoría desenvolverase en catro sesións a primeira das cales impartirase esta tarde, de 17 a 20 horas, nas instalacións do coworking Dalleqdalle, a empresa creada por alumnas dunha Escola Obradoiro organizada polo Concello a través dunha Iniciativa Local de Emprego apoiada pola administración municipal.
Na sesión inaugural, os relatores ou mentores presentarán concesionarios da Praza de Abastos o proxecto a desenvolver. Éste lévase a cabo no marco do proxecto de remodelación dos postos exteriores do Mercado Municipal que comeza estes días a efectos de mellorar a estética e funcionalidade dos locais, unificar a súa imaxe e dinamizar a actividade comercial da instalacións . Por iso, na sesión de hoxe tamén se exporán casos de éxito de remodelación e explotación das prazas de abastos e impartiranse nocións sobre como vender en tempos de crise. A actividade final do día consistirá nunha dinámica grupal na que os praceiros exporán as súas ideas sobre como actualizar o modelo de negocio.
Nas seguintes sesións, a celebrar a semana que ven, explicaranse conceptos de “Visual merchandising”, abordarase a compra por impulso e as estratexias de colocación do produto. Unha das sesións dedicarase en exclusiva á atención ao cliente e a comunicación de ventas, e noutra farase unha análise e supervisión dos diferentes postos da praza de Abastos e o redeseño dos mesmos, a efectos de sacarlles o mellor partido.











