Un total de 133 menores beneficiaronse do programa “Xantando en familia” en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, fixo hoxe balance do programa “Xantando en Familia” despois de dar conta dos resultados do mesmo na última comisión informativa da área celebrada o pasado xoves. Así, desta iniciativa posta en marcha en colaboración con Cáritas se beneficiaron un total de 133 menores. “Xantando en Familia” permitiu garantir unha alimentación saudable e equilibrada a estes nenos e nenas pertencentes a 74 familias con dificultades económicas para cubrir as necesidades básicas alimentarias durante o período de vacacións escolares. O programa desenvolveuse entre os meses de xullo e setembro.

A selección dos menores destinatarios de “Xantando en Familia” realizou de maneira coordinada entre persoas dos servizos sociais municipais e a entidade colaboradora. A proposta estaba destinada aos menores pertencentes a familias empadroadas no municipio ferrolán, que durante o curso escolar fosen beneficiarios das becas de comedor, e cuxas familias presentaran fosen perceptoras do RISGA ou estar en trámites de selo.

Martínez Beceiro destacou que se cumpriron os obxectivos fixados dende o inicio de Xantando en Familia “e que tivo un alto grao de satisfacción por parte das familias”. Así mesmo, explicou que os lotes de alimentación facilitados semanalmente ás familias dos menores beneficiarios “foron suficientes para facer fronte ás necesidades” e que a través do seguimento realizado polas Unidades Básicas municipais se constatou o seu uso responsable por parte das familias. Neste senso, a concelleira responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol resaltou a boa coordinación entre a Administración ferrolá e a entidade Cáritas.

17 de novembro de 2014 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.