Un novo plan da Deputación dotará de 30 vehículos a entidades sociais e deportivas da provincia de Pontevedra
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou esta mañá a posta en marcha dun novo plan para dotar de vehículos as entidades sociais e deportivas da provincia.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Louzán indicou que son moitos os colectivos de ámbito social e deportivo que precisan medios para os seus desprazamentos, polo que a Deputación traballa xa nun novo programa para adquirir 30 furgonetas en colaboración con Citroën, os propios colectivos e unha entidade financeira.
Estes vehículos sumaranse ós 96 adquiridos en convocatorias anteriores, cunha fórmula de cooperación a catro ou tres bandas que resultou “moi exitosa”.
O titular da Deputación confirmou que os orzamentos de 2015 incluirán unha partida para esta finalidade co obxectivo de “dar resposta á necesidade que os distintos colectivos sociais e deportivos” teñen de medios para os seus desprazamentos ou para a realización de programas sociais.
Cáritas Arousa
Louzán fixo este anuncio coincidindo coa entrega de cadansúa subvención a Cáritas Interparroquial de Arousa e Aspanaex. A primeira delas consiste, precisamente, en 16.000 euros destinados á adquisición dunha furgoneta que lle permita a Cáritas Arousa manter o seu programa social “Estamos contigo”.
Trátase dun servizo de comida a domicilio para persoas maiores ou dependentes co fin de garantirlles unha dieta axeitada, favorecer a permanencia no seu domicilio e, sobre todo, “darlles compañía”.
O presidente da entidade, Francisco Jesús Fernández, subliñou a aposta da Deputación por este servizo, que financia case integramente. Iniciado fai sete anos co nome “Comedor sobre rodas”, rebautizouse logo como “Estamos contigo”, atendendo, precisamente, a que “a desculpa é darlle de comer á xente, pero o que queremos é darlle acompañamento”.
Francisco Jesús Fernández indicou que o programa –que inclúe, por iniciativa da propia Deputación, o lavado da roupa– atende diariamente a entre 15 e 18 persoas e conta cun nutrido grupo de voluntarios que cada día acompaña os beneficiarios.
O presidente da entidade recalcou e valorou o compromiso social existente na comarca de Arousa e citou como exemplo a “operación quilo”, que comezou desenvolvéndose en dous centros escolares de Vilagarcía de Arousa (Filipenses e Franciscanos) e que, a día de hoxe, por iniciativa dos propios centros, está implantada en todos os colexios e institutos.
O primeiro ano reuníronse 14 toneladas de alimentos e houbo anos de ata 30 toneladas.
Desta forma pódense atender numerosas familias nos distintos servizos que ten esta entidade, coma o comedor social, que dá 24 almorzos diarios, 60 xantares e entre 30 e 35 ceas.
Malia que as doazóns caeron algo como consecuencia da crise, Cáritas Arousa conta con “máis voluntarios ca nunca, cun total de 250”, e puido poñer en marcha tamén un novo servizo de roupeiro.
Aspaenex
Na mesma liña a asociación Aspaenex, de apoio a persoas con discapacidade intelectual, valorou o apoio da Deputación coa concesión dunha axuda de 17.000 euros para adquirir e instalar unha grúa de teito na planta de actividades acuáticas do centro e para cambiar o solo da sala do comedor, co obxecto de facilitar os desprazamentos das persoas con problemas de mobilidade.
A maior parte da achega destinarase á grúa, coa que a directora da entidade, Beatriz Macías, subliñou que se busca facilitar o acceso de todas as persoas que están no centro ás actividades acuáticas; permitirá, por exemplo, o desprazamento seguro desde os vestiarios ata as piscinas.
O centro atende na actualidade a 107 persoas con discapacidade intelectual que, en moitos casos, presentan tamén notables problemas de mobilidade.
O presidente da entidade, José Manuel Carballo, subliñou que esta achega da Deputación vai permitir mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, ó facilitarlles o acceso a máis servizos.











