Un grupo do programa ‘Iniciativa Xove’ lanza unha Guía de Boas Prácticas nos ríos da provincia de Pontevedra
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na Escola de Enxeñeiros Forestais na presentación da ‘Guía de boas prácticas nos ríos da provincia de Pontevedra’, un proxecto financiado por ‘Iniciativa Xove’, onde recordou que grazas a este programa de educación non formal os mozos e mozas poden demostrar a súa capacidade para organizar os seus propios proxectos, ao tempo que se estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil.
O director xeral tamén destacou que a participación xuvenil en programas de educación non formal como ‘Iniciativa Xove’, da Consellería de Traballo e Benestar, “comporta o desenvolvemento de valores como as aptitudes comunicativas, organizativas e de planificación, o traballo en equipo, o sentido da iniciativa ou a autoconfianza, autonomía e iniciativa persoal”.
Este proxecto estivo liderado polo grupo informal Milrivus, composto por estudantes ou titulados da Escola de Enxeñeiros Forestais da Universidade de Vigo. O estudo permitiu a edición dun libro sobre os ríos de Pontevedra, para a promoción das boas prácticas e usos dos sistemas fluviais e a concienciación e sensibilización da poboación no respecto ao medio ambiente.
‘Iniciativa Xove’ forma parte dos programas de renovación das políticas de Xuventude da Xunta de Galicia, que na actualidade xira en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias a través da educación non formal.
Esta iniciativa conta con programas vinculados co emprendemento e a empregabilidade, que están agrupados baixo o epígrafe de ‘Iniciativa Xove emprendedora’. Tamén destacan as dirixidas a favorecer a integración de colectivos con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; a creatividade; o coñecemento e o respecto do contorno natural, a intervención ambiental e o fomento dos bos hábitos neste eido; a rehabilitación e renovación de espazos degradados; e os relacionados coas novas tecnoloxías.
Este ano na provincia de Pontevedra 49 asociacións xuvenís ou grupos informais de mozos e mozas executaron proxectos financiados no marco do programa de participación xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar ‘Iniciativa Xove’, cun investimento de 180.000 euros.
No total de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar financia este ano con máis de 500.000 euros, a través do programa ‘Iniciativa Xove’, un total de 140 proxectos de educación non formal que desenvolven preto de 700 mozos e mozas pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís.