Un grupo de alumnos de primaria do Concello de Mos visitan o museo Minergal
Alumnos mosenses de Educación Primaria están a participar na actividade “Coñece Minergal” que organiza a concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón. A iniciativa deu comezo a semana pasada, o martes 11 de novembro, coas visitas dos escolares dos colexios de Atín e o CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos. Hoxe realizan a actividade os nenos e nenas do Colexio Pena de Francia.
Esta actividade está dirixida ó alumnado de 5º e 6º cursos de Educación Primaria e mediante a mesma se lles permite ós participantes descubrir o mundo dos minerais.
O proxecto promovido pola concellería mosense de Educación e Participación Cidadá conta coa colaboración da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, Minergal, sita no polígono porriñés de Torneiros e sede do museo. A actividade consta de dous momentos diferentes e complementarios, a propia visita guiada ó museo dos minerais e unha proxección de audiovisuais sobre os minerais.
No percorrido pola sala de exposicións os participantes poden contemplar a colección de minerais máis importante de Galicia e reciben explicacións para que poidan identificar o seu uso cotiá.
Pola súa banda o material audiovisual axúdalles a ter unha visión o máis completa posible sobre a pedra, o granito, o proceso de extracción e transformación, así como a importancia dos minerais para o desenvolvemento da nosa sociedade.
Segundo declarou a concelleira responsable desta actividade, Kely Monzón, “está a ser unha enriquecedora experiencia didáctica marcada por grandes doses de realidade onde profesores e alumnos descobren a relevancia dos minerais na vida diaria”.
Así mesmo a edil Monzón explicaba tamén a este respecto que “o Val da Louriña debe a súa prosperidade e desenvolvemento en gran parte á actividade canteira. Coñecer de preto a súa transcendencia e importancia é fundamental para situar a nosa historia como pobo e a relevancia que a súa riqueza natural adquire na proxección externa. Achegar ós escolares á súa realidade máis próxima é un dos obxectivos fundamentais da iniciativa promovida dende esta concellería, ademais de que os cativos poidan descubrir a importancia dos minerais para o desenvolvemento humano, fomentar nos escolares o interese polo seu entorno, traballar no recoñecemento dos recursos e a súa valoración, visualizar os cementos da nosa civilización, identificar a riqueza mineral que nos rodea, coñecer a importancia deste sector na nosa área, valorar a súa proxección exterior e achegarnos ó mundo dos minerais e á cantería”.











