publicidade hoxe

Un alumno do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel elabora unha aplicación de telefonía móbil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurenseSan Cristovo de Cea
A-
A+
Vázquez Abad na presentación da aplicación

Vázquez Abad na presentación da aplicación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na presentación da aplicación de telefonía móbil, ‘Applícate o conto’, elaborada por Nelson Martínez Araújo no marco da realización do módulo de Formación en Centros de Traballo do ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e Dispositivos Móbiles, titulación que cursou no Centro Integrado de Formación Profesional A Carballeira-Marcos Valcárcel. As personaxes dos contos que contén a aplicación, así como a narración dos mesmos, foi desenvolvida polas alumnas e alumnos do Centro Público Integrado Virxe da Saleta, de Cea, orientados polo seu profesor Martiño Ramos Soto.

Durante a presentación o conselleiro salientou este proxecto como un “bo exemplo de que a intelixencia se expresa a través do traballo en equipo, e de que as sociedades avanzan na medida en que somos capaces de harmonizar os nosos recursos a favor do ben común”. Neste sentido felicitou a todas as alumnas e alumnos participantes, así como ás súas familias polo apoio e motivación prestados. De forma especial Vázquez Abad quixo agradecer ao profesorado implicado o seu esforzo, iniciativa, e responsabilidade, “porque son os docentes os que sacan á luz as dotes creativas e innovadoras do seu alumnado, explotando as posibilidades que ofrecen os novos soportes na mellora da competencia e da creación de bos hábitos entre os máis novos”.

No acto participaron, ademais de Nelson Martínez e os escolares e familias do CPI Virxe da Saleta, o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; o director do CIFP, Vicente Ribao; o do CPI, Valentín Tomás Castellano; e mais a xefa territorial da Consellería na provincia de Ourense, Mercedes Gallego, entre outros asistentes.

Os alumnos, creadores

‘Applícate o conto’ é unha iniciativa que procura integrar todas as competencias clave – comunicación lingüística,matemática e tecnolóxica, dixital, competencias sociais e cívicas- ao tempo que se promove o espírito emprendedor e a iniciativa creativa entre os máis novos. O alumnado dos distintos cursos do CPI Virxe da Saleta actuou como guionista e creador das personaxes, utilizando tanto o debuxo manual como ferramentas informáticas, ademais de ser narrador dos audios contidos na aplicación e de transcribilos a un editor de textos.

Deste xeito o proxecto contribuíu a fomentar entre os máis novos o traballo en equipo, o entendemento e a creatividade, ao tempo que lles axudou a adquirir competencias dixitais imprescindibles na sociedade actual. Para máis información sobre a aplicación pode consultarse o web https://applicateoconto.wordpress.com/ .

Un centro de referencia

Proxectos coma o hoxe presentado son mostra de que o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel é un centro de referencia no eido da Formación Profesional en Galicia. Non en balde, este centro está a piques de ver ampliado o seu viveiro de empresa no marco da mellora da Rede de Viveiros que se vai desenvolver nos próximos meses, ao abeiro do que tamén se acadará unha maior capacidade no do CIFP Farixa e se creará un novo no IES de Verín, chegando ás 4 instalacións deste tipo na provincia.

Para dar respaldo ao rigoroso traballo do equipo directivo e docente da Carballeira-Marcos Valcárcel o departamento educativo da Xunta de Galicia ten investido nos últimos anos máis de 303.000 euros neste centro, tanto en obras de mellora, como na implantación de diferentes programas educativos e na instalación do propio viveiro.

De feito neste mesmo ano 2014 realizouse unha adaptación de espazos para trasladar a unha aula en desuso a actual sala de informática. No seu lugar instalouse o cuarto laboratorio de química da Carballeira, despois de que a Consellería convertese este centro no primeiro da provincia en contar con ciclos de FP da familia profesional de Química tras a súa transformación en Centro Integrado no ano 2013. Ademais, desde o 2009 téñense realizado melloras na instalación eléctrica, na rede de datos informática, así como remodelacións de espazos e compra de equipamento para poder mellorar a oferta de ciclos formativos.

4 de novembro de 2014 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.