Últimos días para inscribirse na I Ruta BTT de San Sadurniño
O Club Biela e Chaveta ten preparada para o próximo domingo unha ruta espectacular tanto para quen participe nela como para quen queira ver as evolucións dos e das ciclistas. Serán algo máis de 45 quilómetros de percorrido por camiños e pistas forestais cunha dificultade media-alta. Na ruta poderán participar deportistas federados e non federados. No primeiro caso teñen de prazo ata o xoves para apuntarse, mentres que no segundo deberán facer a inscrición hoxe como moi tarde a través da web bielaechaveta.galitiming.com, onde hai máis información sobre a ruta.
Biela e Chaveta fixou un tope de 250 inscricións por razóns organizativas. Este martes pola mañá xa se inscribiran no encontro ciclístico un total de 83 participantes, aínda que se agarda que de aquí ao xoves aumente considerablemente esta cifra. Os prezos son de 11 euros para quen teña licenza federativa e de 23 euros para persoas afeccionadas -11 de inscrición e 12 de licenza por un día- aos que se lles poden sumar como opción en ambos casos outros 10 euros para quen queira quedar a xantar.
Os dorsais poderán recollerse o venres durante todo o día e o sábado pola mañá na tenda Bike Works -estrada de Castela 453, Narón- ou ben o propio domingo no pavillón municipal de San Sadurniño pouco antes da saída. A ruta partirá ás 9 da mañá do contorno do colexio público para percorrer 45,5 quilómetros de pistas enlamadas, corredoiras e camiños por algunhas das paraxes máis fermosas do municipio.
Trátase dunha ruta de dificultade media-alta que discorre por cinco das sete parroquias do municipio non apta para persoas non iniciadas no BTT e reservada a maiores de 17 anos. A pendente media de ascenso e descenso anda nun 6 por cento. Pero nalgúns puntos do trazado pásase dunha cota de 75 a 378 metros sobre o nivel do mar en pouco máis de 10 quilómetros e incluso hai unha zona en que a inclinación chega ao 23 por cento.
O plano completo da ruta coa gráfica de desniveis pode consultarse na web galitiming.com, onde tamén se poden facer as inscricións. Quen non teña licenza deberá formalizala hoxe martes antes das 12 da noite, mentres que as persoas federadas teñen de prazo ata o xoves.
A ruta está organizada por Biela e Chaveta, que nos últimos días traballou a reo sinalizando o percorrido e rozando algunhas zonas de monte mesto. A entidade conta coa colaboración do Concello e de 12 firmas comerciais de dentro e fóra do municipio.











