Últimos días para anotarse no programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Economía do Concello de Ferrol, que dirixe Alejandro Langtry Caínzos, mantén aberto o prazo para participar no “Programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial na zona Urban”, unha das liñas estratéxicas de actuación do Programa Urban Ferrol promovido polo Concello e cofinanciado con fondos europeos. A presentación de solicitudes poderase facer ata pasadomañá mércores (incluído) na Oficina do Programa Urban Ferrol, situada no 5º andar da Casa Solidaria, e as bases poden consultarse na páxina web: www.ferrol.es/urban. O curso comezará o vindeiro 5 de decembro e ten previsto prolongarse durante seis meses.

Esta nova acción formativa pretende propiciar o desenvolvemento económico e progreso social dos barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena así como a mellora da empregabilidade mediante a formación. Entre outros requisitos, os destinatarios desta formación deberán ser persoas desempregadas residentes preferentemente na zona Urban da cidade, maiores de 18 anos, empadroados en Ferrol e que posúan o título de graduado escolar ou ESO. Un total de 15 alumnos/as realizarán este programa formativo que, cunha duración total de 660 horas, se desenvolverá de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas. Ademais, aquelas persoas que non perciban outras axudas públicas ao emprego recibirán o pago de becas que será de 18€ brutos por día de asistencia. Os obxectivos do programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial son mellorar as condicións de empregabilidade dos participantes e revalorizar o patrimonio histórico.

Contidos e intervencións

En canto aos contidos do programa formativo, se centrarán en diferentes partes como a teórica, específica, tranversal-complementaria- e a práctica. Os nove módulos formativos versarán sobre os aspectos xerais en construción, a prevención de riscos laborais, aspectos medioambientais, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, tratamento das superficies de soportes, aplicación de pinturas plásticas, vernizados, e lacados e esmaltes. Ademais, todo o alumnado recibirá un curso de 60 horas de nivel básico de prevención en riscos laborais en construción. O módulo de práctica titorizada centrarase en actuacións de mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial tales como a Peixaría do Mercado da Magdalena, a Ludoteca, o Palco da Música do Cantón de Molíns e a Casa da Muller. Durante a primeira fase práctica, os 15 participantes no programa se dividirán en tres grupos de cinco persoas e cada un deles se repartirá o mantemento e conservación das fachadas da Casa da Muller, a Ludoteca e o Palco da Música do Cantón. Unha vez finalizadas estas actuacións, comezarase a intervención na Peixaría do Mercado da Magdalena na que participará todo o alumnado do curso.

24 de novembro de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.