Triunfo do Rio Natura Monbus Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Encontro Obradoiro - Sevilla

Encontro Obradoiro – Sevilla

Suma e segue o Rio Natura Monbus, intratable na casa, cobrándose a súa quinta vícitima da tempada, esta vez o Baloncesto Sevilla (88-77). A actuación máis completa e coral do que vai de curso, permitiu ao Obradoiro mandar de principio a fin, con man de ferro, non dando opción de reacción ao equipo adestrado por Audie Norris.

Brillaron todos, que valoraron 104 puntos en conxunto, pero destacaron os bases, fantásticos marcando o tempo do partido, con sete asistencias de Pepe Pozas e 12 puntos para o malagueño e Rafa Luz. Tamén se mostrou acertado Alberto Corbacho, autor de cinco triplos, os catro primeiros consecutivos.

Gobernou desde o primeiro instante o Rio Natura Monbus, coas accións interiores de Maxi Kleber e Juanjo Triguero. Meteu moitas mans atrás, agresivos e presionando ao Sevilla, propiciando  os erros dos andaluces. Pumprla perforou a zona con varias portas atrás, ben asistido sempre por Pozas. Amparáronse os visitantes na figura do espigado Guillermo Hernangómez, cun 2+1 despois dun rebote ofensivo. Voou o Rio Natura da man dun espléndido Corbacho, con tres tiros certeiros desde a distancia que puxeron en pé a Sar e puxeron un cómodo colchón no luminoso (23-14).

Renovouse o choque polos mesmos camiños. Acertou o Obradoiro, desde dentro e tamén por fóra, tanto en ataques estáticos como en fugaces contraataques. Nankivil, Giannopoulos e Rafa Luz contribuíron a pór unha vantaxe practicamente insalvable (34-16, min. 15). Buscou solución Norris en Willy e Porzingis, pero seguiron sumando os santiagueses desde a liña de persoal cun Waczynski inmaculado – seis de seis ao final do partido – para seguir incrementando a renda chegado o tempo de asueto (43-27).

Á volta do túnel de vestiarios Pepe Pozas cambiou as asistencias por puntos. Tres triplos consecutivos, primeiro á contra e posteriormente desde a esquina, servido por Pumprla e Triguero. Seguiron Porzingis e Hernangómez como estandartes visitantes, facendo moito dano por dentro, dando vida ao Baloncesto Sevilla. Un triplo de Kleber, un roubo de Pumprla tirándose polo chans e o intento de alley-oop errado da á pivote alemán puxeron en pé ao Fontes do Sar, incansable no seu apoio ao equipo, dando forza para conseguir o quinto triunfo do exercicio. Entoáronse os visitantes en ataque, e ambas as escuadras asinaron un espectacular intercambio anotador que deixou como resultado parcial un asombroso 30-27. O movemento de balón eléctrico dos homes santiagueses culminou nun mate do crecente Daniel Miller tras obter vantaxe baixo o aro, pouco antes de que Rafa pechase o terceiro cuarto cunha plástica acción individual (73-54).

Con todo cambiou radicalmente o panorama do choque no último cuarto. Deu dous pasos adiante o Sevilla en defensa, incrementou o seu nivel de dureza e se trabó o partido. Sucedéronse as faltas e as interrupcións, circunstancia adversa a un Rio Natura Monbus que perdeu as rendas e deixouse levar, vendo perigosamente reducida a súa vantaxe.

Sumou só desde o 4’70 o equipo dirixido por Moncho Fernández, descentrado tras a técnica sinalada a Corbacho, a quinta falta persoal de Pepe Pozas e o triplo con fortuna de Álex Urtasun contra o taboleiro ao límite da posesión. Acumularon puntos Rafa Luz e Maxi Kleber, de novo inconmensruable o “4” alemán, con 14 puntos, nove rebotes e 18 de valoración, e pechou o envite a base brasileiro cun contundente tapón sobre Woodside deixando en 11 a diferenza, sempre importante de face ao basket-average.

Continua o seu camiño triunfal o Rio Natura Monbus Obradoiro, cada vez máis compenetrado, especialmente sólido nos partidos disputados no Fontes do Sar. Cinco vitorias que asintan ao combiando de Moncho Fernández na parte alta da táboa, en vésperas ao difícil exame de dentro de sete días contra o CAI Zaragoza.

30 de novembro de 2014 | 20:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.