Trepidante vitoria do Burela FS no duelo directo con Alcorcón

Econtro entre o Burela e o Alcorcón
Vista Alegre foi testemuña hoxe dun dos partidos máis bonitos da tempada en Primeira División RFEF, coa trepidante vitoria do CD Burela FS Pescados Rubén en duelo directo ante o AD Alcorcón (3-2). As laranxas, que tiveron que conformarse co empate 1-1 das madrileñas no último suspiro antes do descanso, rearmaronse na segunda parte para loitar contra as adversidades coa expulsión de Bea Mateos (dobre amarela) e o marcador desfavorable 1-2.
O encontro estivo marcado polo alto ritmo, con máis posesión local que visitante na primeira parte. Antes de cumprirse o minuto 3 de xogo, Maite dispuxo da primeira ocasión con perigo para as mariñás tras unha recuperación de Peque. Shiori tamén a punto estivo de inaugurar o electrónico (minutos 4 e 5), pero foi Taina a encargada de anotar 1-0, despois do primeiro aviso serio do Alcorcón, de Andrea Feijoo; a brasileira finalizou a pase de Peque na recuperación dunha tentativa de contra madrileña. A saída de Lara á pista, rozando o ecuador, levantou á bancada de Vista Alegre nunha brillante chegada da viveirense á meta de Miri. Entre os balóns máis perigosos das visitantes, destacou Vadillos, que tentou sorprender a Jozi por partida dobre no minuto 14, e Isa García, no 15, con gran intervención da porteira laranxa, e no 18, ao aproveitar un rexeite que se foi demasiado alto. Á terceira foi a vencida para Andrea Feijoo; a falta de tan só un segundo para o descanso e despois de dúas grandes oportunidades ante Jozi, a 3 de Alcorcón fixo realidade o empate ao segundo pau, cun agasallo de Anita Luján desde balón parado.
No segundo período, o conxunto visitante saltou á cancha con máis intensidade, aínda que a primeira chegada a portaría contraria foi para as mariñás. Shiori non puido finalizar un balón de Peque ao bordo da liña de meta (minuto 21). Tras dúas boas ocasións do Alcorcón, de Andrea Feijoo (21) ante Jozi adiantada e de Orive (23), o Burela FS tamén dispuxo de balóns envelenados no 24, entre Bea e Peque, e o 27, entre Maite e Lara. Tras a expulsión de Bea Mateos (minuto 29), que viu o segundo cartón amarelo, o Alcorcón aproveitou para porse por diante, coa firma de Andrea Feijoo (minuto 31). Este foi o revulsivo que necesitaba o conxunto de Quico Otero para rearmarse. A falta de catro minutos para o final, Shiori liderou o xogo de cinco laranxa, que poucos segundos despois obtivo a recompensa, con gol de Peque, saíndo vitoriosa da pugna polo balón con Anita Luján na área madrileña. A falta dun minuto e medio, Shiori freou a arremetida de Andrea Feijoo sobre a portaría local, tan só 26 segundos antes de que Vista Alegre cantase o triunfo burelista con gol de Taina, asistida por Claudia na galopada iniciada por Peque. Maite aínda tivo nas súas zapatillas o posible 4-2 soa ante Miri. O Alcorcón tentou remontar nos últimos segundos con Cris Chairos como porteira xogadoras sen éxito.











