Traballo aposta pola formación no sector pesqueiro con 48 cursos nos que participaron 900 alumnos

Intervención de Beatriz Mato no congreso
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe na Coruña, na clausura do II Congreso sobre a sostibilidade social e económica do sector pesqueiro, que a Xunta está a reforzar a súa aposta pola formación no sector pesqueiro e, por iso, afirmou que Traballo destinou este ano 260.000 euros a 48 cursos de formación no que participaron 900 alumnos.
“A formación é un dos eixos da profesionalización deste sector”, apuntou Mato, quen indicou, así mesmo, que a pesca é un sector de actuación preferente para a Xunta e así está recollido, ademais, no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais e nos plans de actividades anuais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).
Mato sinalou, tamén no eido da formación, que a Consellería expediu ao longo dos últimos anos certificados de profesionalidade a 250 redeiras que recoñecen a súa experiencia neste campo. Lembrou que estes documentos oficiais teñen validez estatal e acreditan os seus coñecementos e mellora as súas posibilidades no terreo laboral.
A conselleira resaltou, ademais, que o sector martítimo-pesqueiro é un dos eixos vertebradores da sociedade galega e, por iso, considerou que é “un labor e unha responsabilidade esencial” defender os dereitos dos traballadores e traballadoras e as súas familias.
Por último, Mato gabou o labor da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss) pola organización do congreso e polo seu traballo continuo de sensibilización, formación e investigación co obxectivo de conseguir que a pesca sexa sostible e rendible.











