publicidade hoxe

Teresa Romero xa descansa na súa casa materna en Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A auxiliar de enfermaría Teresa Romero chegou na tarde deste mércores, en compañía do seu marido, á vivenda da súa nai, Jesusa Ramos, na localidade lucense de Becerreá, onde desexa “descansar” e reporse tras superar a infección polo virus do ébola.

Despois de recibir o alta hospitalaria esta mesma mañá, Teresa Romero e o seu marido, Javier Limón, desprazáronse por estrada desde Madrid, onde permaneceu un mes ingresada no Hospital Carlos III, ata a pequena localidade de Becerreá. A auxiliar expresara que un dos seus primeiros desexos era o de poder abrazar á súa nai, que reside soa nesta poboación.

A pesar da expectación xerada no pobo, onde numerosos curiosos e medios de comunicación se apiñaban fronte ao domicilio de Jesusa Ramos, Teresa Romero e Javier Limón entraron na vivenda pola porta traseira pouco antes das 19.20 horas sen facer ningún tipo de comentario.

Minutos despois, Javier Limón saíu da vivenda para trasladar o desexo da súa muller de “descansar”. “Tere estivo moi mala (…) entendede que queremos descansar, sobre todo Teresa, que non é que queira, é que o necesita”, explicou o marido da auxiliar.

Javier Limón confirmou que ambos emprenderon a viaxe a Galicia “en canto” finalizou a rolda de prensa no Hospital Carlos III, dado o desexo que Teresa Romero tiña de reunirse coa súa nai. Aínda que manifestou “comprender” a expectación xerada, pediu “respecto” e privacidade para poder “descansar” e asegurou que non farán ningunha declaración nos próximos días.

EXPECTACIÓN

Becerreá, un municipio da montaña de Lugo de apenas 3.000 habitantes censados, viviu este mércores con expectación a noticia da visita da que se converteu na súa veciña máis coñecida.

A media tarde unha amiga da nai de Teresa Romero achegouse ata o seu domicilio e comentou aos numerosos medios de comunicación apostados ante o inmoble que Jesusa Ramos tiña a cama e a cea preparada para a chegada da súa filla, que finalmente chegou ao pobo pasadas as 19.00 horas.

5 de novembro de 2014 | 20:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.