Teo conmemora o Día contra a Violencia de Xénero con teatro do alumnado do IES de Cacheiras
O Concello de Teo lembra esta semana o Día contra a violencia de xenero. Aínda que a data na que se celebra é o 25 en Teo adiantouse o acto institucional ao 21 de novembro ás 19:00 horas no local da AC Rosalía de Castro de Cacheiras.
Este acto de rexeitamento á violencia de xénero daralle un protagonismo central aos mozos e mozas do IES de Cacheiras. Presentarase a obra de teatro “Unha historia coma outra calquera” con guión da alumna de 3º da ESO Alba Pérez. A peza está interpretada por Oliver Angermann, Tania Baluja, Gala Giménez, Aitana Novo, Alba Pérez, Rubén Pérez, José Rebolo, Xana Rodríguez, Sandra Viadel, de 3º de ESO. Mar Baliñas, Ada Montoto, Raquel Iglesias, Aida Barros, de 2º da ESO e Iria Pérez e Aarón Recouso de 4º da ESO.
Tamén se proxectará un vídeo de creacións artísticas de plástica sobre violencia de xénero do alumnado de 4º de ESO. Estes traballos fixéronse baixo a dirección de Raúl Gómez Varo e Purificación Cabido.
No acto institucional tamén se dará lectura a un manifesto contra a lacra da violencia de xénero incidindo na necesidade de máis medidas de prevención e protección para as vítimas.











