Telefónica leva fibra óptica ás áreas industriais de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Gran parte das empresas de Santiago dispoñen xa da tecnoloxía de datos máis avanzada, tras o despregamento de FTTH (fibra óptica ata o fogar) efectuado por Telefónica nos polígonos e zonas industriais de Tambre, Costa Vella, Formarís, Boisaca e Sionlla.

Levouse a fibra óptica de última xeración a un total de 350 empresas, o que supuxo a instalación de case 28.000 metros de fibra e 9.205 puntos de conexión óptica. Trátase dun dos maiores esforzos infraestructurais levados a cabo por Telefónica nos últimos anos na área industrial de Santiago, sendo necesarios para o despregamento da nova rede 89 novos armarios de exterior, 553 arquetas, 23 cámaras de rexistro, 110 pedestais e 826 tramos de canalización. En total, conectáronse 1.377 infraestruturas á central que Telefónica ten en Vite, grazas ás cales as empresas poderán acceder á tecnoloxía de transmisión de datos máis rápida e eficiente do mercado.

A diferenza do FTTH de Telefónica fronte a outras tecnoloxías similares é que neste caso a fibra chega ata as propias oficinas das empresas, é dicir, que non se utiliza cobre ou coaxial no último tramo e, por tanto, non existe perda de velocidade. Ten un ancho de banda ilimitado e simetría na baixada e subida de datos, ademais dunha gran estabilidade e unha taxa de avarías moi baixa con respecto a calquera outra tecnoloxía.

Esforzo investidor en Galicia

Telefónica investirá en Galicia este ano 48 millóns de euros en infraestruturas de última xeración e ao final de ano levaría fibra óptica ata o fogar a 351.844 vivendas galegas e zonas industriais.

Nos últimos anos, a Compañía está a realizar na comunidade un importante esforzo investidor que inclúe tamén ás comunicacións móbiles. Neste sentido, activou 138 nodos de 4G para levar esta tecnoloxía ás principais cidades galegas. Cabe sinalar que en Galicia, a cobertura móbil é superior á media española, e só en 3G alcanza ao 98% da poboación -moi por encima da media estatal, do 74%-, chegando a practicamente o 100% co resto das tecnoloxías.

3 de novembro de 2014 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.