Teatro, música e astronomía centran as actividades para os colexios de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A concellaría de Educación do Concello de Teo, dirixida por María Álvarez Garea, presenta un programa de actividades para realizar nos colexios durante o curso que se centra na música, no teatro ou na astronomía. Trátase “dun programa de apoio á comunidade escolar e busca enriquecer pedagóxica e culturalmente aos cidadáns e cidadás en idade escolar, continuando o proceso da educación máis alá do eido estritamente formal” segundo explica a edil.

Hoxe mesmo comezaba o programa deste curso 2014/15 cun concerto para o alumnado de infantil. Nesta xornada Susa Herrera presentou na Ramallosa os seus “Cantos animais” , cancións e coreografías seguidas con moito interese entre o alumnado. E se hoxe foi a quenda dos nenos/as do CEIP da Ramallosa e do CRA mañá Susa Herrera estará cos cativos/as dos Tilos e Calo.

Unha das particularidades do programa de actividades proposto polo Concello aos centros é conseguir unha oferta axeitada para todos as idades. Deste xeito por exemplo haberá un programa de contacontos con propostas diferenciadas para os diferentes ciclos. Os máis pequenos terán o contacontos “Sabela e o pasaro máxico”; os de 1º ciclo unha proposta multimedia co “Labirinto dos soños de Pepe Sendón”; o alumnado de 2º ciclo o contacontos musical “Axente corrente. Xoglares”; e no instituto presentarase “Smoke city” de Malasombra produccións.

A proposta musical ademais dos concertos destes días contará coa participación de Xoán Curiel que presentarán o espectáculo “Estamos no verán” con música cañeiras ao estilo do Xabarín.

Astronomía e saídas

Neste curso continúa a participación no programa Todocosmos, iniciativa de divulgación científica impulsada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC que quere achegar a astronomía ao conxunto da sociedade. E de todos é sabido que os máis pequenos son grandes prescriptores de opinión nas súas casas. Este ano será o colexio de Calo o que terá unha clase práctica sobre planetas e estrelas. Será de noite e nela o persoal do Observatorio explicaralles a teoría que logo verán a través dos potentes equipos da universidade. Nos outros centros a observación astronómica xa se realizou no curso pasado.

Tamén se realizarán saídas para visitar zonas de Teo como as Ribeiras do Ulla, a carballeira de Francos ou Cornide e Lampai.

27 de novembro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.