Teatro do Morcego representa “Misterio Cómico” en Brión
O salón de actos do centro social polivalente de Brión acollerá mañá sábado 22 de novembro a actuación da compañía Teatro do Morcego, que representará unha nova versión dun dos seus espectáculos máis emblemáticos: “Misterio cómico”. A actuación terá lugar ás 20:30 horas e a entrada é totalmente libre e de balde ata encher aforo.
“Misterio cómico” é unha nova versión do segundo espectáculo que montou Teatro do Morcego, que este ano se atopa celebrando o seu 25 aniversario. Un espectáculo do que ten realizado máis de trescentas representacións e que representou a consolidación da compañía, ademais de proporcionarlles importantes galardóns como dous premios Compostela ao mellor actor (Celso Parada) e ao mellor director (Julio Cardoso).
Os brioneses terán ocasión de ver unha versión máis curta desta obra, baseada nun texto do italiano Darío Fo e que contrapón a verdadeira historia dun pobo fronte á cultura oficial, manipuladora e hipócrita. Unha base que Teatro do Morcego utiliza para falar de temas do noso tempo.











