publicidade hoxe

Tastarabás será o encargado de inaugurar a Mostra de Teatro Afeccionado de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

Tastarabás Teatro, grupo municipal de teatro de Lousame, será o encargado de inaugurar este domingo 9 de novembro a XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame. A compañía dirixida por Gustavo G. Dieste porá en escena “Sopa… de radio”, que é “unha homenaxe á radio, non á radio actual senón á dos anos 60, 70 e 80. Unha comedia no que lle daremos a volta a esa radio de antes, con concursos, tertulias repousadas e xente que chamaba para contar a súa vida”, explica. A actuación terá lugar este domingo 9 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame. A entrada é libre e gratuíta.

A concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo, destaca o traballo que están a levar a cabo os integrantes de Tastarabás Teatro e anima aos veciños e veciñas do municipio a achegarse ata a casa da cultura para disfrutar de “Sopa… de radio”. “Ademais, animamos tamén aos veciños e veciñas aos que lles guste o mundo da representación a que se sumen ao grupo de teatro municipal, en especial aos mozos”, apunta Silvia Agrafojo.

Continuación do Microteatro

Gustavo G. Dieste salienta a relación entre esta XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame e o espectáculo “Microteatro”, celebrado o pasado mes de maio. “Tres dos grupos que actuarán este mes en Lousame xa participaron no Microteatro, no que os veciños e veciñas de Lousame puideron ver un adianto do que agora poderán disfrutar nesta Mostra de Teatro. Aquilo foi, digamos, como o tráiler do que imos disfrutar agora”, explica Gustavo G. Dieste.

A XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame está organizada pola Concellería de Cultura de Lousame, en colaboración coa asociación cultural Xuventude de Cruído e coa asociación cultural Toxos e Carrouchas. Este ano reunirá a cinco compañías: Tastarabás Teatro (Lousame), Teatro da Falúa (Universidade de Santiago de Compostela), Teatro do Improvisto (Boiro), Brandomin Teatro (Pobra do Caramiñal) e Teatro Mutis (Noia). “As actuacións están dirixidas para todos os públicos, se ben a de Teatro do Improvisto está especialmente dirixida aos nenos e nenas. De feito, funciona moito mellor cando hai moitos nenos entre o público”, adianta Gustavo G. Dieste.

As actuacións terán lugar durante os próximos 5 domingos, coa excepción da actuación de Teatro da Falúa que está programada para o sábado 15 de novembro. Nos cinco casos, as representacións terán lugar na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame, ás 19:00 horas. En todos os casos, a entrada é libre e de balde.

Tras a actuación de Tastarabás Teatro este domingo, o sábado 15 de novembro actuarán Teatro da Falúa con “Falúa´s flying circus”, peza que substitúe á inicialmente programada (“A Princesa prometida 2.0”). Un día despois, o domingo 16 de novembro Teatro do Improvisto presentará “A incerta viaxe dos señores Nuwinzki”. Para o domingo 23 de novembro está programada “Nichos para todos”, unha delirante comedia de Brandomín Teatro; e os noieses de Teatro Mutis pecharán a mostra o domingo 7 de decembro con “El chalet de madame Renard”.

7 de novembro de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.