Talía Teatro abre o ciclo de Venres Teatrais na Laracha con “O método Grönholm”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Ao longo do presente mes de novembro desenvolverase unha nova edición do ciclo Venres Teatrais, o programa que o Concello da Laracha organiza cada ano co propósito de ofrecer espectáculos de alta calidade, achegar o teatro aos veciños e potenciar as artes escénicas e a cultura galegas.

Este venres a partir das 21:00 horas a Casa da Cultura da Laracha acollerá a primeira das catro funcións das que consta este ciclo, sendo a coñecida compañía Talía Teatro a encargada de abrilo co seu novo espectáculo titulado O método Grönholm, unha adaptación do coñecido libro de Jordi Galcerán.

A peza será escenificada polos actores Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez e Dani Trillo, que darán vida aos catro últimos aspirantes a conseguir un posto de traballo nunha multinacional e que deben someterse á definitiva proba de selección conxunta. Os xogos psicolóxicos, a crueldade e a falta de escrúpulos dos protagonistas estarán presentes durante toda a función.

O espectáculo é recomendado para persoas maiores de trece anos de idade. A entrada é libre e gratuíta para todas as persoas que estean empadroadas no Concello da Laracha.

Os Venres Teatrais continuarán nas próximas semanas, coa seguinte relación de datas e actuacións:

– Día 14: Matanza, de Triatreros. Con Omar Ferrín, Celia González e Tone Martínez.

– Día 21: Sempre ao lonxe, de Mofa&Befa. Con Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz.

– Día 28: Rosa de dous aromas, de Teatro Proscrito. Con Isabel Blanco e Sabela Hermida. Dirixida por Lino Braxe.

5 de novembro de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.