Suardiaz amplía a tres saídas semanais o seu servizo ro-ro entre os portos de Vigo e Saint Nazaire
A naviera Suardiaz incrementará o seu servizo ro-ro entre os portos de Vigo e Saint Nazaire a un total de tres escalas a partir do próximo 19 de xaneiro de 2015.
Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o máximo responsable da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, tras a reunión ordinaria do Consello de Administración. Segundo lembrou o máximo responsable portuario, actualmente, o Grupo Suardiaz ofrece desde o Porto de Vigo un servizo bisemanal de transporte marítimo de mercadoría ro-ro con destino Saint Nazaire (Nantes) co buque “Suarvigo”, construído, precisamente, en estaleiros vigueses. Ao “Suarvigo” sumarase a partir de xaneiro un barco adicional, que permitirá incrementar o servizo actual de dúas a tres escalas semanais. As saídas previstas en ambos os portos terán lugar, en principio, os luns, mércores e venres ou sábados, con tempos de tránsito estimados de 35 horas.
Recoñecemento ambiental
Por outra banda, o Presidente portuario informou o Consello de Administración da concesión, por parte da Asociación Profesional de Empresas Medio Ambientais de Galicia (APROEMA), dun accésit que recoñece o labor levado a cabo pola Autoridade Portuaria viguesa no desenvolvemento de políticas e accións que dirixen ao Porto de Vigo cara ao obxectivo dun “Porto Verde”.
Segundo apuntou López-Chaves, APROEMA é a asociación empresarial máis representativa do sector ambiental en Galicia e, actualmente, está integrada por un total de 47 empresas. Os premios Medio Ambiente APROEMA 2014, que foron entregados onte pola tarde na que foi a súa segunda edición, van dirixidos a aquelas institucións e empresas que traballan pola conservación e mellora do medio ambiente en Galicia a través de iniciativas de xestión e valorización de residuos, campañas de concienciación ambiental e iniciativas en xeral encamiñadas á protección do medio ambiente.
Único porto premiado
A Autoridade Portuaria de Vigo -única terminal galega premiada- recibiu este galardón en recoñecemento ao seu labor no desenvolvemento de novos protocolos e tecnoloxías que permitan que as actividades portuarias produzan o menor impacto ambiental posible á contorna que lles rodea e o fomento do desenvolvemento sustentable. Todo iso a través de iniciativas como a obtención da certificación ISO 14001 e EMAS III de todas as actividades da Autoridade Portuaria, ou a participación en proxectos como o proxecto Tefles (desenvolvemento dun sistema de limpeza de gases de escape dos buques), o proxecto GPEC (emprego de gas licuado para a produción de enerxía eléctrica, aire quente e aire frío -tri-xeración- destinado á subministración a buques en porto), o proxecto Seporha (Smart Energy Ports and Harbours, que ten como obxectivo a implantación de enerxías intelixentes en Portos), ou a organización da “Green Energy Port Conference” no ano 2013, que reuniu en Vigo a máis de 150 expertos dun total de 11 países, sendo o eixo central dos relatorios o camiño cara á consecución dun “Porto Verde”.
Tal e como subliñou o máximo responsable portuario, no caso concreto do Porto de Vigo, este obxectivo xa deu froitos estes últimos anos, coa valorización do 70% dos residuos derivados das actividades e a xestión das instalacións portuarias, ou a redución en máis dun 46% das verteduras á lámina de auga derivados das operacións portuarias de buques, a redución de máis un 25% nos consumos propios de auga ou o incremento de máis dun 50% na produción de enerxía eléctrica a través dos paneis fotovoltaicos instalados no Porto de Vigo nos últimos dous anos.
Destacan tamén a “Declaración Ambiental” da Autoridade Portuaria de Vigo avalada polo rexistro EMAS da Consellería de Medio Ambiente, a elaboración da “Memoria de Sustentabilidade”, o estudo de mobilidade do Porto de Vigo, a elaboración do mapa de ruídos da zona portuaria, o estudo de eficiencia enerxética realizado co apoio do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía do Ministerio de Industria), ou a inscrición da Autoridade Portuaria de Vigo na WPCI “World Ports Climate Initiative”, a asociación de portos máis representativa a nivel mundial sobre o cambio climático.
O recoñecemento de APROEMA únese así á certificación PERS (Port Environmental Review System) recibida o pasado ano de mans de ESPO (European Ports Organization) e ambos os recoñecementos veñen apoiar o fin último de lograr que o Porto de Vigo sexa considerado como un dos “Portos Verdes” referentes de Europa.
Por último, López-Chaves referiuse ao tráfico de mercadorías que, no mes de setembro, viuse incrementado nun +1%, debido, sobre todo, ás subidas experimentadas no acumulado do ano polos metais (+35%), o granito elaborado (+18%), a pesca conxelada (+4%) e o cemento (+1%).











