Sobreseída a causa contra os exalcaldes Conde Roa e Ángel Currás
O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago decretou o sobresemento provisional da causa contra os exalcaldes compostelanos polo PP Ángel Currás e Gerardo Conde Roa, en relación á investigación do caso de prevaricación e acoso moral sobre o exsubxefe da Policía Local de Santiago José Antonio Carril.
Nun auto, a xuíza Ana López-Suevos pronúnciase exclusivamente sobre a situación procesual de Ángel Currás e do seu predecesor na Alcaldía compostelana. A xuíza volvera imputar, en novembro do ano pasado, ao daquela alcalde compostelano e ao seu antecesor no cargo nesta causa tras coñecerse conversacións telefónicas gravadas que apuntarían a unha trama contra o axente.
Tras recibir o informe das escoitas ordenadas pola xuíza de Lugo que investiga o caso Pokémon, a xuíza tamén volveu imputar á exxefa de Seguridade do Concello, Mar Hinojosa, como consecuencia desas escoitas. Ademais, tamén ampliara a condición de imputado ao que foi asesor municipal Ángel Espadas nesta causa, na que tamén está imputado o exconcelleiro de Tráfico Albino Vázquez, ambos os dous detidos no marco da Operación Pokémon cuxos teléfonos estaban pinchados.
As escoitas apuntaban a que o exconcelleiro de Tráfico recorrera, en abril do 2012, a Ángel Espadas para que chamase de forma anónima ao Concello para ter “trincado” a José Antonio Carril realizando traballos no seu terreo con material municipal en horario de servizo.
O policía local denunciou “presións” para facer desaparecer o atestado policial de Ángel Espadas, quen pouco antes das eleccións municipais de 2011 fora sorprendido durmido e ebrio ao volante do seu coche. Segundo o axente, a súa negativa a cumprir esa orde foi o que motivaría un suposto acoso.











