Sketch System diversifica o seu negocio e abre en Vigo o innovador espazo cultural Lab_in
A empresa Sketch System, centrada ata o de agora no ámbito comercial, acaba de redefinir e diversificar o seu modelo de negocio co apoio do programa ReAcciona da Consellería de Economía e Industria, abrindo un innovador espazo cultural que pon a tecnoloxía ao servizo da arte e permite explorar novos camiños neste ámbito.
Lab_in, a nova actividade de Sketch System, conxuga nun mesmo espazo exposición, acción, aprendizaxe e traballo para creadores que buscan levar a súa obra máis alá das fronteiras que viña delimitando o mundo da arte.
Deste xeito, Lab_In configúrase como un centro único a nivel nacional onde se fusionan arte e tecnoloxía cos máis altos estándares de traballo a nivel de produción, control de procesos e automatizacións, así como certificacións artísticas con recoñecemento tanto nacional como internacional para asegurar a calidade e a lonxevidade das obras realizadas para artistas, centros de arte ou museos.
Na inauguración do espazo, que se fixo coincidir coa inauguración da exposición do artista visual Javier de Juan, participou o director da área de competitividade do Igape, Norberto Penedo, quen lembrou que a Consellería de Economía e Industria acaba de activar a segunda edición do programa ReAcciona, destinado a reforzar a competitividade das pemes mediante o desenvolvemento de 320 novos proxectos de mellora durante o próximo ano. A diversificación e apertura de novas liñas de negocio é un dos servizos ofertados.
Así, o ReAcciona ten como obxectivo prioritario a potenciación das competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente.
O programa, aberto de novo para recibir na web do Igape –www.igape.es/reacciona– solicitudes das empresas interesadas, pon a disposición das pemes un conxunto amplo de servizos para facilitar a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o relanzamento comercial, a estratexia ou os procesos de produción.











