SECMA adopta as técnicas de Povisa en fracturas de radio
A Sociedade Española de Cirurxía da Man –SECMA- adoptou as guías para o tratamento cirúrxico do extremo do radio desenvolvidas pola Unidade de Cirurxía da Man de Povisa.
Esta é unha das razóns polas cales Povisa foi o único hospital español invitado ao X Congreso da Federación de Sociedades de Cirurxía da Man Asia-Pacífico, celebrado en outubro na capital malaya, Kuala Lumpur. A este congreso acudiron miles de especialistas de todo o mundo, e a participación do Povisa foi consecuencia tamén da publicación dun importante artigo elaborado polos Dres. Sanmartín e Couceiro, da unidade de Cirurxía da Man do hospital, e publicado na Revista Asiática de Cirurxía da Man.
O congreso eloxiou o traballo dos especialistas de Povisa no tratamento cirúrxico das fracturas da extremidade distal do radio e a súa relevante achega no desenvolvemento das guías para ao tratamento destas fracturas. De feito, o Comité Europeo de Traumatoloxía estuda tamén nestes momentos as guías elaboradas por Povisa para a SECMA, xunto ás doutros países, para unificar un criterio e recomendalo a todos os especialistas de continente.
Ademais, o equipo de cirurxía da man de Povisa presentou varios traballos sobre técnicas para evitar complicacións no tratamento con placas e parafusos, ou tratamentos alternativos ao reimplante nas amputacións da extremidade do dedo. Tamén se presentou o caso, que espertou moito interese no congreso, dunha muller operada en Povisa á que se lle recuperaron varios dedos e a palma da man utilizando fragmentos doutras partes do seu corpo.











