Santiago Futsal e Magna Navarra veranse mañá as caras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Santiago Futsal e Magna Navarra enfrontaranse, por segunda vez en menos de dous meses, en partido oficial esta tempada. Se na primeira xornada de liga os de Santiago viaxaron a terras navarras, agora os de Imanol Arregui desprázanse a Santiago para disputar a eliminatoria de oitavos da Copa do Rei.

No primeiro partido da tempada que ambos os conxuntos disputaron acabou cun resultado de 4-0 favorable aos navarros. No Santiago Futsal debutaron un total de 9 xogadores, un persoal totalmente renovado. Agora os de Santiago levan dous meses de rodaxe e o partido que se disputará mañá será, a priori, moi diferente do que disputaron en setembro.

Se nos fixamos nos encontros precedentes en Copa do Rei entre Santiago Futsal e Magna Navarra, galegos e navarros disputaron fai 2 tempadas a eliminatoria de cuartos na que os de Santiago lograron o pase a semifinais cun resultado de 2-3. Daquel encontro, só 5 xogadores continúan no Santiago Futsal: Lucho, Hugo, Diego Quintela, Santi e Chus.

O de mañá será un partido histórico, polo especial da cita no Multiusos Fontes do Sar, primeira vez que o Santiago Futsal disputa unha eliminatoria a partido único en casa en Copa do Rei.

Outra información

As entradas para o encontro de mañá entre Santiago Futsal e Magna Navarra (20.30h, Multiusos Fontes do Sar) terán un prezo xeral de 5€, mentres que os menores de 13 anos terán entrada gratuíta. Os socios entrarán de maneira gratuíta mostrando o carné na porta de acceso.

Apertura de portas ás 19.30h.

3 de novembro de 2014 | 20:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.