Santiago acolle unha mostra cos traballos dos finalistas do certame ‘Xuventude Crea’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Igrexa da USC de Santiago acolle desde hoxe a exposición dos traballos finalistas da especialidade de artes plásticas e os traballos da especialidade de carteis do certame ‘Xuventude Crea’ da Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañado polo reitor da USC, Juan Viaño, inaugurou a exposición que estará aberta ata o 5 de decembro.

Na especialidade de artes plásticas, que comprende pintura, escultura e fotografía, dos setenta traballos presentados, foron seleccionados para a exposición final un total de 23 proxectos (cinco na modalidade de escultura, oito en fotografía e dez en pintura).

Na modalidade de escultura mostrarán os seus proxectos creativos: Natalia Ferro Vites coa obra “Xesteira”; María del Pilar Boullosa Álvarez, co traballo “Trala puntada”; Andrés Penido Núñez, con “Medusas 2.0”; Basilisa Fiestras Cachafeiro, coa escultura “Sin título 2011”; e Carlos Jorge Platas Granados, coa obra “2014”.

No apartado de pintura a exposición inclúe as obras: “Spanische Akte” de Daniel Cerecedo Bretal; “Máscara” de Carlos Álvarez Gil; “Concepto de gallina” de Carlos Copa Josenge; “Paisaxe con ringleira de paxaros” de Raquel Iglesias Gándara; “Un can da Barcala” de Joseba Muruzabal Pérez; “Deshabitar. Habitación de invitados” de Lara Díaz Pintos, “Dourado na malla” de Patricia Otero Pérez; “Estudio del caos” de Arantza Pardo Barbeito; “Candy” de Marta López López; e “Refugio micrográfico” de Iria Cortizo Franco.

En fotografía exporán as obras finalistas: David Soler Berini co traballo “Líneas de la ciudad”; Mónica Domínguez Rodríguez con “Entomoloxía humana”; Nuria Mosqueira Varela coa obra “Xenealoxías”; Inés Nogueira Durán coa serie fotográfica “Rupturas”; Alberto Álvarez Gómez con “Galicia, Scotland Island”; Lorena Couto Rey co proxecto “Galicia ten nome de muller”; Miguel Álvarez Fernández con “Nacht”; e Yolanda Hermida Díaz coa serie fotográfica “Hitchcock”.

Doutra banda, a exposición inclúe os traballos presentados na especialidade de carteis, adicada nesta edición á conmemoración dos 800 anos de peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Na modalidade de carteis, Ovidio Rodeiro recordou os nomes dos premiados: Beatriz Ventosinos Candame (A Coruña) recibirá o primeiro premio polo traballo “Historia do camiño”; Lara Esperante Ingelmo (A Coruña) coa obra “Descubre”, o segundo; Andrés Horacio Bonader Robador (Nigrán) foi o terceiro clasificado co traballo “Motívate”; e o xurado outorgou unha mención de honra a Morales Sánchez (Santiago) pola obra “San Francisco de Asís. 800 aniversario”.

Ovidio Rodeiro destacou que “se trata de proxectos ideados e executados polos mozos e mozas, unha expresión do seu talento, da súa creatividade e innovación”. “Xuventude Crea convértese así nun respaldo á creatividade xuvenil; unha plataforma de lanzamento para amosar os seus proxectos creativos; unha vía para darlle visibilidade”, engadiu.

Os premios nestas especialidades- ao igual que nas outras nove do certame- serán 3.000 euros para os gañadores; 1.500 euros para os segundos; e 1.000 euros para os terceiros. Os premios poden ser compartidos. E, así mesmo, o xurado pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

O vindeiro 19 de novembro, na Cidade da Cultura, terá lugar a entrega de premios aos gañadores das 11 especialidades do certame: teatro, música, artes plásticas, deseño de xoias, carteis, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti.

13 de novembro de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.