Santiago acolle un obradoiro sobre valoración de riscos en psiquiatria e medicina forense
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo, acompañada polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Felix Rubial, e do xefe do servizo de Saúde Mental, Manuel Arrojo, inaugurou hoxe, a primeira hora da mañá, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, as V Xornadas Irene Linares Vallejo. Obradoiro de adestramento en valoración de riscos co HCR-20, dirixido principalmente a psiquiatras, psicólogos clínicos e médicos forenses.
Na inauguración, Josefina Monteagudo sinalou que nestas xornadas, de carácter interdisciplinar, e incluídas na programación de formación continuada da Conselleria de Sanidade, participan profesionais da psiquiatría, psicoloxía clínica e medicina legal, para mellorar a abordaxe dos pacientes con risco de violencia. Tamén sinalou que este encontro servirá para rendir homenaxe a Irene Linares Vallejo, psiquiatra e médico forense que traballou no IMELGA e unha persoa que deixou unha importante pegada na nosa terra.
Ferramentas para un mellor coñecemento
A través do devandito obradoiro preténdese dotar aos psiquiatras, psicólogos clínicos e forenses galegos participantes dunha ferramenta amplamente reconecida para a valoración de riscos como é o HCR-20. Este foi deseñado para ser aplicado no ámbito psiquiátrico civil, forense e penitenciario e consta de tres subescalas que conteñen factores de risco pasados presentes e futuros. En base á análise detes factores, os clínicos teñen que establecer a probabilidade de que exista violencia física.
Neste sentido, na procura dun maior aproveitamento, o programa científico do encontro divídese en duas partes. O primeiro día dedicarase á exposición teorica sobre valoración de riscos, con varios exercicios prácticos, e o segundo realizarase un exercicio consistente na aplicación do HCR-20 a un caso concreto e á súa análise.
Para levar a cabo esta formación, cóntase coa participación de Gerardo Florez, psiquiatra da Unidade de Condutas Adictivas de Ourense, e cun especialista internacional na utilización deste instrumento: John David Cooke. Profesor de Psicoloxía Forense do Departamento de Psicoloxía da Universidade Caledonian de Glasgow, e profesor adxunto do Departamento de Psicoloxía da Universidade de Bergen.











