Sanidade insiste en que está controlado o brote de lexionela en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asegurou este venres que o brote de legionela rexistrado na residencia de maiores das Gándaras en Lugo “está controlado” pero puntualizou que “poden aparecer máis casos nestes dez días” de período de incubación.

Así o sinalou a preguntas dos medios antes da entrega dun premio de calidade e seguridade á área de xestión integrada de Santiago. “A situación está controlada xa, está localizado o foco, que é o máis complexo, pero o período de incubación son dez días”, explicou.

Neste sentido comentou que “dende que aparece o primeiro caso ata que todos os pacientes pasaron o período de incubación poden aparecer sempre” novos contaxios. “Co cal non estamos libres de que nestes dez días aparezan máis”, apostilou.

Non obstante, reiterou que o “foco está localizado” en acumuladores de auga quente na residencia, onde “se fixo a limpeza e se seguiu absolutamente o protocolo”. “Esta mañá quedou liberado o circuíto e pódese usar xa a auga quente na residencia”, afirmou Mosquera.

“Pensamos que xa está superada a crise”, sostivo para engadir que os pacientes ingresados, catro, tras confirmarse este venres un quinto caso -outro xa fora dado de alta- “están estables dentro da gravidade”, un deles na UCI do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA).

PSEUDOMONA

Pola súa parte, preguntada polo brote da bacteria pseudomona detectado no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), debido á cal faleceron tres pacientes nos últimos meses, a titular de Sanidade explicou que “tamén está controlado o brote”.

“Este é un caso máis complexo. A pseudomona é un xerme que só é grave e contaxia nos pacientes inmunodeprimidos -con defensas bajas-“, comentou Mosquera, para engadir que “cando aparece un brote é nunha unidade de inmunodeprimidos, como é Oncoloxía, e sempre é moi grave”. “E temos que ter moito coidado”, avisou.

Ao respecto, indicou que a infección nosocomial “é unha das causas máis frecuentes de infección nos hospitais e un dos síntomas de calidade máis claros”, remarcou para subliñar que supón unha “preocupación e ocupación” no sistema sanitario. “Sempre queremos infección nosocomial cero pero sabemos que é imposible”, recoñeceu.

Con todo, insistiu en que a pseudomona representa “un xerme oportunista”, pero destacou que en Pontevedra “tamén está controlado” o brote no CHOP porque “non apareceron máis casos” dende hai unha semana”.

14 de novembro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.