Sanidade asegura a continuidade laboral do persoal que traballa nos servizos que serán asumidos pola empresa concesionaria do novo hospital de Vigo
A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Margarita Prado Vaamonde, garantiu a continuidade laboral dos máis de 270 profesionais que traballan nas unidades non clínicas que serán asumidas pola concesionaria no novo Hospital de Vigo. Así o comunicou na mesa sectorial celebrada hoxe, onde tamén subliñou que manterán os seus dereitos laborais e económicos adquiridos.
Levarase a cabo unha reordenación das condicións de prestación de servizos do persoal non sanitario das unidades que se externalizan, tratando de conciliar as necesidades organizativas da Administración coa voluntariedade do persoal e respectando os dereitos adquiridos. O proceso será negociado coas organizacións sindicais.
Neste senso, os profesionais fixos poderán integrarse voluntariamente na sociedade concesionaria como persoal laboral indefinido, coa garantía das mesmas condicións laborais e económicas; ou ben manterse no Sergas, sendo obxecto, de ser necesario, de reclasificación noutras categorías, cando menos, do seu mesmo nivel laboral e retributivo. Neste último caso os profesionais recibirán a formación teórica e práctica que sexa necesaria.
Así mesmo, os 68 traballadores interinos e asimilados tamén teñen recoñecido o dereito a integrarse na sociedade concesionaria como persoal laboral indefinido, respectando as súas condicións laborais e económicas actuais.
O procedemento de integración, que será debidamente publicado no DOG, iniciarase mediante solicitude do interesado. A súa efectividade coincidirá coa apertura do novo hospital, segundo o cronograma que sexa establecido ao respecto.
As categorías afectadas son as propias da cociña, lavandería, limpeza, transporte e mantemento xeral e conservación de viais e xardíns.
O proceso, sen embargo, non incluirá aos profesionais que, estando a traballar nesas unidades, desempeñan funcións xerais e poden ser recolocados noutros servizos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada, como celadores, administrativos e auxiliares administrativos.











