San Sadurniño vive un pleno caldeado co trasfondo da xestión da escola infantil e do convenio urbanístico dos terreos do centro de día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Pleno intenso en canto a debate o desta mañá en San Sadurniño. Na orde do día ían varios puntos que en principio puideran parecer de trámite pero que, porén, deron de si para falar en profundidade e contrapoñer puntos de vista. Entre eles o relativo ao regulamento da escola infantil municipal, o grao de execución do orzamento e, xa no apartado de rogos e preguntas, o referido ao estado do convenio urbanístico asinado coa antiga cooperativa de San Sadurniño.

O punto en que se iniciou o debate foi no da convalidación do regulamento de funcionamento da escola infantil municipal. Tratábase dun simple trámite para corrixir algunhas grallas detectadas no seu articulado e, de feito, o debate non se centrou para nada no contido do documento, senón que derivou cara á recente adxudicación da xestión do servizo e á ordenanza que regula o custe para as familias. Tanto o PP como o PSOE cualificaron os prezos de “excesivos” e criticaron que a ordenanza non reflicta algún tipo de rebaixa para as familias con menos recursos. Ademais, o edil socialista Fernando Márquez rexeitou que “se privatice” un servizo público. A este respecto o BNG puntualizou que os prezos serán inferiores aos recollidos na ordenanza, de acordo coa proposta formulada pola empresa adxudicataria e acusou ao PSOE de “facer demagoxia” co asunto da pretendida privatización. O titular de Facenda, Suso Soto, lembrou que a normativa actual non lle permite aos Concellos contratar persoal a menos que se trate de casos excepcionais e que a concesión administrativa para a xestión dun servizo que seguirá sendo de titulariedade municipal “era a única opción dispoñible, xa que a outra era non abrir a escola”.

O punto en cuestión -o do regulamento interno- “do que a oposición non falou para nada no debate”, tal e como asegurou o alcalde, Secundino García, foi aprobado cos votos a favor do BNG e a abstención de PP e PSOE.

O terceiro punto deu conta do estado do pagamento de facturas correspondentes ao terceiro trimestre do ano, no que a Tesouraría municipal informa a grandes trazos de que os pagamentos se están facendo ao día e dacordo cos prazos máximos que marca a lei. Foi, en certa medida, a introdución ao punto cuarto incorporado polo goberno local á orde do día para facilitar información do estado da execución orzamentaria deste 2014 “como unha medida de transparencia na xestión dos cartos públicos” de cara á oposición e ao resto da cidadanía. 

Porén, na sesión non se deu a coñecer dato algún. O Secretario-Interventor pronunciouse brevemente para explicar que a contabilidade municipal leva varios meses de retraso por mor da adaptación a un novo programa informático e que, en calquera caso, os datos económicos estarían dispoñibles como moi tarde na primeira quincena de decembro. A resposta do técnico foi suficiente para PP e PSOE, que non se pronunciaron. Quen si o fixo foi o BNG para criticar que a oposición “non se extrañe” de que a estas alturas do ano “non estean dispoñibles estes datos” que, por outra banda, provocan que o orzamento se estea “executando a cegas, sen saber canto ingresamos nin se estamos ingresando o que temos que ingresar”, laiouse o portavoz nacionalista. Soto lembrou que xa lle solicitou aos técnicos esa información “ata en tres ocasións, incluso por escrito” e que, segundo dixo, aínda non lle foi facilitada. Por iso elevou a proposta de pedirlle á Secretaría-Intervención un informe no que se aclaren as razóns de non dispor aínda dos datos e, sobre todo, “que se nomeen as persoas responsables” de emitir esta información “á que ten dereito a cidadanía”.

Fernando Márquez trasladoulle ao executivo local a responsabilidade de que non se coñezan os datos de execución do orzamento e pediulle “seriedade” a o equipo de goberno. Unha intervención que Secundino García rebateu aclarándolle ao representante socialista que “o traballo administrativo e fiscalizador non é competencia do alcalde nin do goberno local”. Suso Soto engadiu que outros municipios tamén cambiaron a aplicación informática e que, sen embargo, “teñen toda esta información ao día”. Neste sentido o portavoz nacionalista deixou no aire a pregunta de se o caso de San Sadurniño “é cuestión de descoñecemento ou deixación de funcións” por parte do persoal encargado da levanza das contas municipais e asegurou que o goberno local “tomará as medidas que haxa que tomar” tan pronto como reciba o informe solicitado á Secretaría-Intervención. 

Sen saír do apartado económico, o pleno aprobou por unanimidade solicitar a devolución en 120 mensualidades dos cartos ingresados de máis no 2008 e 2009 en concepto de participación nos tributos do Estado, que no caso de San Sadurniño ascenden a algo máis de 22.000 euros. 

Na sesión incluiuse en prazo unha moción do BNG relativa á comercialización de produtos agrogandeiros logo de que a Xunta aprobase un decreto que regula a actividade. Os nacionalistas instan ao executivo autonómico á aprobación “en diálogo co sector” de actuacións específicas “que dinamicen a venda de proximidade e que garantan as condicións de traballo para as persoas produtoras” como poden ser, entre outras, cotas á seguridade social e tributarias adaptadas á reducida dimensión destes negocios, as liñas de axuda para a identificación dos produtos e as boas prácticas nas explotacións ou a creación dunha marca de calidade que ampare as producións locais. O PP achegou unha contraproposta na que Plácido López sinalou que a moción nacionalista “chega tarde”. Aínda así mostrouse favorable a apoiala se se introducía o literal “que a Xunta continúe cos traballos en prol (da produción e comercialización de proximidade)”, unha modificación que non foi aceptada polo grupo nacionalista, que aprobou o texto orixinal cos seus votos e o do PSOE.

Ademais desta, no pleno entraron pola vía da urxencia dúas mocións. A primeira referiuse ao nomeamento de Suso Soto como representante municipal no Consello Escolar, que contou co apoio unánime dos tres grupos. A segunda presentouna o PP relativa ao 25 de novembro e nela solicitaba, entre outras cuestións, a creación dunha mesa local sobre violencia de xénero e instar á Xunta para que achegue finanzamento. A titular de Igualdade, Ana Belén Breijo, sinalou que San Sadurniño xa conta con esa mesa, creada ao abeiro do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes e explicou que nela están presentes o departamento de Igualdade, persoal do Centro de Saúde, a Garda Civil e o CIM e a Casa da Muller de Ferrol, polo que o contido da moción popular “xa o estamos levando a cabo”, dixo Breijo. A concelleira ofreceulle tanto a PP como a PSOE consensuar unha declaración institucional co gallo do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. A moción non se chegou a votar e os tres grupos quedaron emprazados para os próximos días co cometido de redactar a declaración.

Rogos e preguntas

O último apartado do pleno arrancou cunha pregunta do edil socialista sobre o cesamento do acceso a internet a través da rede wimax do Concello xestionada pola empresa Internet Rural, antes denominada Mira Servizos. O alcalde aclarou que esta semana chegou ao Concello a comunicación oficial por parte da empresa e que, segundo parece, lle afectaría a unha vintena de usuarios e usuarias. Secundino García manifestou a disposición municipal de poñer ao servizo doutra empresa a infraestrutura existente “cunha tecnoloxía obsoleta”. García indicou ademais que desde o 2007 -ano en que empezou a despregarse a rede municipal- ata agora apareceron no mercado opcións máis vantaxosas coma a conexión por satélite, a 3G ou incluso a 4G “que non xustifican seguir facendo investimentos” na rede municipal. Con todo, o alcalde expresou a disposición municipal de poñer en contacto as persoas afectadas cunha empresa das Pontes que ofrece o servizo a través de sinal wimax e que xa ten usuarios e usuarias en varios puntos do Concello aínda que con prezos e condicións distintas.

O PP formulou dúas preguntas, unha sobre a petición veciñal recollida nun pleno anterior para que se publiquen os salarios do persoal municipal e outra sobre cal é o estado do convenio urbanístico asinado coa cooperativa de San Sadurniño. A primeira cuestión foi a última en obter resposta e nela o alcalde asegurou que os soldos se publicarán na web municipal “se non hai ningún impedimento legal” e instou ao Secretario a que informase sobre o xeito de facelo. 

A segunda cuestión, a de “como está o tema dos terreos da cooperativa?” en palabras de Plácido López, foi a que ocupou grande parte do debate. Secundino García explicou que o convenio urbanístico asinado en 2007 coa cooperativa permitiulle a San Sadurniño dispoñer de chan para a construción do centro de día “gracias á altura de miras e á xenerosidade dos directivos da cooperativa, que nos permitiu ter unha infraestrutura da que nos debemos sentir orgullosos”. 

O acordo levaba aparellado o cambio de cualificación urbanística para varios terreos da entidade tan pronto como entrase en vigor o novo plan xeral. Porén, o prazo venceu e as sucesivas modificacións da lei do solo en Galicia fixeron que San Sadurniño aínda non dispoña de planeamento aprobado. Neste tempo a cooperativa disolveuse e nomeáronse tres liquidadores que, tal e como trascendeu na sesión, agora lle estarían reclamando ao Concello unha indemnización superior ao millón e medio de euros. 

Secundino García explicou que o goberno local quixo “seguir mantendo o espírito do convenio porque cremos que é bo para o interese xeral, para o Concello e mesmo para os socios da cooperativa. Fixemos a proposta de volver sentar negociar a prórroga do prazo e concretar a indemnización no caso de que non se puidese levar a bo porto, porque a intención do Concello é pagar o xusto prezo que hai que pagar polas cousas.” 

Sobre a indemnización que reclaman os liquidadores da cooperativa, García foi tallante asegurando que os encargados da liquidación “non quixeron negociar” e engadiu que “os liquidadores teñen que liquidar unha cooperativa e terán que facelo o mellor poidan, e se lles dan 50 millóns de euros irán máis contentos que se lles dan 50.000. O Concello de San Sadurniño e o goberno local non vai defender intereses que incluso podemos considerar espúreos. Nós non vamos defender aos especuladores. Nós estamos aquí para defender o interese xeral”. Neste sentido dirixiuse a Plácido López para dicirlle que “o Concello de San Sadurniño non vai pagar un millón e medio de euros por unha finca que non os vale, agora se ti queres defender os intereses lexítimos de algúns que queren liquidar, deféndeos… agora… eu non, porque o BNG está en contra da especulación”. 

Nese punto entrou no debate Fernando Márquez para queixarse de que o goberno lle tería negado o acceso á documentación. O alcalde acusou a Márquez de estar “mentindo” e lembroulle que existe un regulamento que marca o procedemento para solicitar e acceder a calquera tipo de información. Máis adiante o concelleiro do PSOE pediulle ao equipo de goberno “responsabilidade” na xestión do asunto, suxerindo que se acelerase a solución para que non se amontoen os posibles intereses de demora. O alcalde volveu insistir en que o goberno local “é consciente do problema e imos defender os intereses do Concello, e queremos compensar aos socios da cooperativa na súa xusta medida”.

Tras unha intensa última parte do pleno a sesión levantouse e déuselle paso ás intervencións do público. O exconcelleiro Pepe Gudín tomou a palabra para referirse de novo á falla de información sobre a contabilidade municipal, expresando a súa preocupación porque “o goberno municipal estea gobernando un pouco a cegas porque non se lle facilitan os instrumentos para poder administrar ben os cartos”.

8 de novembro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.