San Sadurniño oferta un sábado de volei, castañas e baralla
O próximo sábado San Sadurniño ofrece dúas opcións de lecer organizadas por dous clubes deportivos locais, o Aldebarán e a UDC Naraío. A xente do volei preparou para ese día pola noite un magosto popular mentres que o equipo de fútbol de Naraío organiza o seu décimo maratón de tute. ¿Que por que informamos con catro días de adianto? Pois porque para as dúas propostas é necesario apuntarse antes.
O Aldebarán-Intasa recibe o sábado a partir das 19.30h. ao CyL Palencia 2016 co obxectivo de asentarse no medio da táboa e fronte a un equipo, en principio, asequible. Entrambos só hai tres puntos de diferenza e unha victoria local sen opcións para o contrincante viría confirmar as boas sensacións que está transmitindo o Aldebarán nestes comezos da SM2.
O equipo de volei conta encher as bancadas e para iso, ademais da contenda deportiva, ofrece como aliciente un magosto que comezará a iso das 22h. no patio cuberto do colexio. Haberá castañas, crema de cabaza, liscos, pan, refrescos e viño. Pero non só haberá comida, senón que tamén terán animación. Por unha banda actuará o Mago Benxamín facendo os seus fantásticos trucos de mentalismo, escapismo e prestidixitación con pomba incluída. Por outro lado o Berros do Castro ocuparanse da parte musical dándolle unha volta a muiñeiras, pasodobres, xotas, polkas e valses tradicionais, algúns deles recollidos polo propio grupo.
A velada ten un prezo de 8 euros por persoa -os nenos e nenas menores de 10 anos non pagan- e fai falla apuntarse previamente chamando ao 687 71 91 16 ou ao 699 55 39 75.
Tute en Naraío
E o sábado a UDC Narahío tamén organiza a décima edición do seu maratón de tute, un clásico na comarca co que agardan volver xuntar arredor do tapete un total de 80 parellas.
O maratón ten reservados catro premios para a clasificación xeral -1000, 400, 300 e 150 puntos-, 4 para a primeira repesca -300, 200, 150 e 100 puntos- e 2 para a segunda repesca -200 e 100 puntos-, que se reducirían proporcionalmente se non se alcanzan as 80 inscricións.
O prezo por parella de 60 coa cea incluída. O sorteo dos grupos celebrarase o venres a partir das 20.00h. As inscricións hai que facelas o antes posible chamando ao 981 490 302 ou ao 699 228 227. O maratón comeza o sábado ás catro da tarde no local social da Veiga, en Naraío (ao pé do campo de fútbol).











