San Sadurniño lembra con flores ás 50 vítimas de violencia machista no que vai de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Plantación de flores para lembrar ás vítimas

Plantación de flores para lembrar ás vítimas

San Sadurniño viviu unha xornada do 25 de novembro na que todo o protagonismo se lle deu á xente nova. O alumnado dos últimos cursos do CPI participou a primeira hora da mañá nun acto simbólico no que se plantaron medio cento de flores e plantas en lembranza de outras tantas mulleres que levan falecido este ano vítimas da violencia machista. Pola tarde a Casa da Cultura acolleu a entrega de premios do concurso de relatos convocado polo departamento de Igualdade en colaboración co centro de ensino. Foi xusto despois da obra O Voitre e a Pomba, Verbas contra a violencia feminina, representada pola asociación Lisístrata. Unha peza dura que cumpriu co seu obxectivo: facer que a mocidade reflexionase mostrándolle con crueza o sufrimento de mulleres vítimas da brutalidade física nuns casos, psicolóxica noutros e, a maioría das veces, das dúas ao mesmo tempo.

Ana Hermida e Santiago Fernández valéronse da súa capacidade interpretativa e dunha serie de textos habilmente seleccionados para poder condensar todos os tipos de maltrato en poucos minutos e logrando que o público conteña o alento co corazón nun puño. 

Ana meteuse con dramatismo de métodona pel de mulleres que imploran por causa da fame ante desalmados que cobran o favor coa carne de quen non ten que levar á boca, na pel de mulleres obrigadas a malvender o seu corpo, na mente de quen conta os minutos mentres relata como o terror a vai anulando como persoa, no corazón de quen é violada quizais nunha guerra, quizais nunha terra sen liberdades, quizais nunha rúa escura, quizais na casa por aquel a quen quixo noutro tempo con loucura… 

Como contrapunto a voz impoñente de Santiago -mestre, actor e dobrador que ademais dirixe a obra- alternando a lectura de poesía coa interpretación do home rudo e egoísta que maltrata de formas impensables, imprimíndolle a cada personaxe un realismo sobrecolledor nun recinto tan pequeno coma o da Casa da Cultura. Na obra nin un nin outro chegan a tocarse, nin sequera están preto. Chégalles con crear situacións que baten duro nas cabezas, incluso nas de quen entraron na sala pensando no facebook, no whatsapp ou en que ían poder botar unha toqueada despois de xantar. 

Durante a escasa media hora do espectáculo non se oiu nin un chío e ao remate os rapaces e rapazas -de 3º e 4º da ESO- deron mostra de ter captado a mensaxe. “A elección dunha obra tan potente e directa foi algo premeditado”, asegura a concelleira Ana Belén Bereijo “xa que a preadolescencia e a adolescencia son dous dos grupos de poboación aos que máis cómpre concienciar. Hai que ter en conta que en España case un 30 por cento das vítimas da violencia machista ten entre 20 e 28 anos e hai estudos que alertan de que entre a xente que non chega a esas idades se están incrementando ano a ano os casos de violencia. Non se trata tanto de maltrato físico, senón dunha violencia distinta en forma de control a través das redes sociais ou de escenas de posesión en parellas que pasan pouco dos quince ou dezaséis anos”.

Ademais da obra teatral -con apoio da Deputación da Coruña-, o Concello tamén convocou para este día un concurso literario ao que se presentaron 16 traballos. Os tres premios foron para Irene Beceiro, Eva Soto e Sara Bellón. A entrega de agasallos foi o punto e final a unha xornada que comezou pola mañá coa plantación simbólica de 50 flores e outras plantas ornamentais, unha por cada unha das mulleres falecidas no que vai de ano a mans, principalmente, dos seus compañeiros ou excompañeiros. 

Os rapaces e rapazas da ESO viron un breve video no salón de plenos do Concello e debateron sobre que significa a violencia de xénero e de que maneira se pode atallar. Despois puxéronse mans á obra e encheron de cor os parterres da sede consistorial, acompañando cada flor ou planta dun nome, un lugar e unha data. Etiquetas fatais que nos lembran a importancia do respecto mutuo entre homes e mulleres e da necesidade de denunciar -e manter as denuncias- como único medio de salvar vidas.

25 de novembro de 2014 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.