San Sadurniño inicia en Bardaos as xuntanzas veciñais para preparar os orzamentos participativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ao longo desta semana e máis da que vén celebraranse nas distintas parroquias os encontros entre veciñanza e Concello para a recollida de propostas que despois se incorporarán aos orzamentos municipais. Nelas poderá presentarse calquera tipo de idea, aínda que desde o departamento de Participación insístese en que se buscan, principalmente, achegas novidosas que permitan racionalizar os recursos municipais ou que sexan xeradoras de emprego. As xuntanzas comezan hoxe ás 20h. no local social de Bardaos. Mañá toca en Ferreira, pasado en Igrexafeita, o xoves no Camiño Arriba e o venres en San Sadurniño. As xuntanzas de Naraío, Santa Mariña e Lamas desenvolveranse entre o luns e o mércores da próxima semana. 

O Concello está preparando os orzamentos municipais de 2015 e, igual que ocorreu nos últimos anos, quere que a xente se implique na definición de cales cales serán aqueles investimentos e actuacións que se van levar a cabo ao longo do ano que vén. O documento final coas prioridades redactarase na Mesa do orzamento participativo o día 2 de decembro. Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás asembleas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar algo máis abaixo.

As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que que quere cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, as posibilidades reais para sacalas adiante. 

Todas as reunións veciñais serán ás 20h. nos locais sociais de cada parroquia de acordo co seguinte calendario:

Bardaos: luns 3 de novembro
Ferreira: martes 4 de novembro no local social da Seara
Igrexafeita: mércores 5 de novembro
Camiño Arriba: xoves 6 de novembro
San Sadurniño: venres 7 de novembro
Naraío: luns 10 de novembro
Santa Mariña: martes 11 de novembro
Lamas: mércores 12 de novembro

Con todo, quen non poida asistir ás xuntanzas, tamén pode entregarlle aos representantes veciñais ou directamente ao Concello unha ficha cuberta coas súas propostas. Hai un modelo descargable en formato pdf que haberá que presentar no rexistro municipal, por correo postal ou por correo electrónico a través do enderezo correo@sansadurnino.dicoruna.es. 

Os orzamentos participativos de San Sadurniño enmárcanse no Plan de acción da Axenda 21 local que promove, entre outros aspectos, o avance cara unha democracia participativa no ámbito municipal máis aló dos periodos electorais.

3 de novembro de 2014 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.