San Sadurniño inicia a campaña informativa sobre o plan experimental de recollida do lixo porta por porta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello xa ten a punto o programa experimental de recollida de lixo polas casas, que comezará a probarse en Ferreira e nalgúns lugares lindeiros con esta parroquia a partir de decembro. O proxecto servirá para ver a viabilidade dun sistema alternativo de recollida e compostaxe dos residuos domésticos co que se agardan reducir custes económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión do lixo. Para este xoves día 20 a partir das 17.00h. hai convocada unha xuntanza informativa no local social da Seara á que están chamados os veciños e veciñas dos lugares onde se fará a proba. 

Aos arredor de medio cento de domicilios que participarán no estudo proporcionaráselles un colector para o lixo inorgánico e, se o precisan, tamén un composteiro. A novidade do sistema é que servizo de recollida do retirará unicamente os restos do colector xenérico -plásticos, latas, bricks, etc.- mentres que os veciños deberán autoxestionar pola súa conta o lixo orgánico -mondas, lavaduras, restos de comida…-, ben como mantenza dos animais ou para producir esterco, igual que se fixo toda a vida nas zonas rurais. 

Desta maneira búscase comprobar se se pode reducir a cantidade total de lixo xestionado e gastar menos no sistema de recollida, transporte e tratamento dos residuos, xa que a materia orgánica supón o 50 por cento da tonelaxe total que se envía a SOGAMA. Coa recollida porta por porta combinada coa compostaxe caseira estímase que se podería reducir á metade unha factura que nestes momentos é de 80 euros por tonelada. 

O plan piloto que botará a andar a primeiros de decembro centrarase principalmente na parroquia de Ferreira, aínda que tamén beneficiará a parte de Naraío, San Sadurniño e Igrexafeita. Concretamente serán 18 nucleos: Raña, O Coto, A Gándara, Penavidreira, Piñeiros, Os Pontigos, Couce da Fraga, Lapas, Santiso, As Filgueiras, O Xestal, O Rosoiro, O Chao de San Cristovo, O Sumeiro, Caínce, A Picheira, O Hedreiro e Amido. Nesta primeira fase de carácter experimental participarán 50 vivendas e 150 persoas, aínda que indirectamente incidirá sobre toda a poboación local xa que se pretende mellorar o sistema de recollida de residuos e acadar así un aforro no seu custo xeral.

A iniciativa complétase cunha campaña informativa -tamén casa a casa- na que persoal técnico explicará o funcionamento do sistema, como se deberá empregar o composteiro e os usos que pode ter o compost xerado. Nesta campaña realizaranse diferentes visitas para avaliar a evolución do plan e no prazo dun ano cóntase con ter datos sobre se é rendible desde o punto de vista ambiental, social e económico para implantalo noutros lugares do municipio. 

O Concello convidou aos veciños e veciñas das zonas incluídas no plan para que participen nunha xuntanza informativa mañá xoves -20 de novembro- a partir das 17 horas no local social da Seara, en Ferreira de Abaixo. Nesta reunión explicaranse todos os detalles do proxecto e tamén da campaña informativa que vai comezar nos próximos días.

19 de novembro de 2014 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.