San Sadurniño ergue a palabra contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello e mailo CPI de San Sadurniño volven promover o Concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca que a rapazada reflexione sobre a igualdade a través da escritura. Este ano presentáronse un total de 16 obras que xa están expostas na Casa da Cultura. Son unha mostra de creatividade literaria con mensaxe, pero tamén o triste recordatorio de que a violencia contra as mulleres e a desigualdade dos xéneros son dous dos grandes problemas aos que a sociedade lles debe dar solución. As Nacións Unidas estiman que alomenos un 70 por cento da poboación feminina mundial sufriu ou sufrirá algún tipo de agresión ao longo da súa vida.

A exposición das obras escritas polos cativos e cativas de 3º e 4º da ESO permanecerá aberta ata o 31 de novembro no recibidor da Casa da Cultura. Na organización do concurso implicáronse o departamento municipal de Igualdade e Equipo de Dinamización da Lingua do CPI. Os premios entregaranse o próximo luns 25 de novembro, Día internacional da Eliminación da violencia contra a muller, a partir das 16.30h. como colofón aos actos dunha xornada que arrancará xa pola mañá.

O alumnado de segundo da ESO participará entre as 9.30 e as 10.20h. na plantación simbólica de flores cos nomes das mulleres falecidas no que vai de ano vítimas da violencia de xénero. Un xesto que repetirán as rapazas e rapaces de primeiro curso entre as 10.20 e as 11. Trátase dunha homenaxe que se desenvolverá nos parterres da Casa do Concello e na que participan Viveiros Florgalicia e Viveiros Horjales – A Casa da planta. 

Xa pola tarde, a iso das 15.20h. a compañía teatral Lisístrata traerá á Casa da Cultura as súasVerbas contra a violencia feminina, na que se xuntan poesía, teatro e prosa para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social. É un espectáculo en forma de recital e audiovisual que, segundo Lisístrata, “pretende remover o máis íntimo as conciencias”. 

Ao remate da obra darase a coñecer o fallo do xurado do concurso de relatos e entregaranse os premios: unha tablet para o primeiro, o libro Faneca Brava para o segundo e a obra Penúltimas tendencias para o terceiro. 

Declaración institucional

Este ano os tres grupos municipais -BNG, PP e PSOE- acordaron durante o último pleno preparar conxuntamente unha declaración de carácter institucional coa que mostrar o compromiso municipal na loita contra a violencia que sofren as mulleres tanto en Galicia coma no resto do mundo. 

Os datos que manexa a ONU son abraiantes e convidan a relexionar sobre que está fallando:

-Ata un 70 por cento das mulleres sofren violencia na súa vida
-Calcúlase que entre 500.000 e 2 millóns de persoas son vítimas cada ano da trata, o que as leva á prostitución, a realizar traballos forzados, á escravitude ou á servidume. O 80 por cento desas persoas son mulleres e nenas.
-Tamén se calcula que máis de 130 millóns de mulleres e nenas que viven hoxe en día foron sometidas á mutilación/ablación xenital feminina, maiormente en África e nalgúns países de Oriente Medio.
-Nun país do Primeiro mundo como son os Estados Unidos, o custe da violencia doméstica supera os 5.800 millóns de dólares anuais, dos que 4.100 corresponden a servizos médicos e sanitarios.

Dá que pensar.

20 de novembro de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.