San Sadurniño convoca un novo encontro de autoprotección ante a violencia de xénero
O 25 de novembro é o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. O Concello de San Sadurniño preparou varias actividades coas que se busca concienciar ante unha das grandes lacras da sociedade actual e, ao mesmo tempo, darlles ás principais prexudicadas argumentos e coñecementos para arrepoñerse ante unha situación de risco. Ese é, precisamente, o cometido do III Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero que se desenvolverá o sábado 15 de novembro pola mañá. As inscricións poden facerse chamando ao 981 490 027 ou preguntando pola técnica de Igualdade do Concello. Hai 15 prazas dispoñibles. a na casa da Cultura e no que xa se inscribiron 25 mulleres.
O obradoiro está organizado como unha sesión na que aprender ferramentas sicolóxicas que permitan adiantarse a unha situación potencialmente violenta, pero tamén ferramentas físicas que axuden a defenderse no caso de que esa situación se produza. Non se trata de combater violencia con máis violencia, senón de ir sempre un paso por diante para asegurar que sexa a muller-vítima quen manteña o control en todo momento, confiando nas súas capacidades e deixando o medo a un lado. Porén, tanto ou máis importante que defenderse é denunciar calquera vexación ou ataque que se sufra no fogar acudindo á Policía, á Garda Civil ou chamando ao 016, un teléfono gratuíto que non deixa rastro na factura.
O III Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero desenvolverase o sábado 15 entre as 10 e as 13 horas, impartido por persoas expertas en psicoloxía e defensa persoal. Como complemento, o Concello ofreceu unha actividade de conciliación para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, que traballarán sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero, a corresponsabilidade e a coeducación.
Para levar a cabo o obradoiro será necesario xuntar un mínimo de 6 persoas e un máximo de 15. As inscricións poden facerse desde xa mesmo chamando ao 981 490 027 (ext. 1) ou nas oficinas de Igualdade, situadas no primeiro andar do Concello. Na organización da sesión colabora a APICO, a Asociación pola Igualdade e a Coeducación. Ao remate -a iso das 13.30h.- haberá unha xuntanza das participantes para xantar e compartir a súa experiencia.
Programación do 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero
O III Encontro de autoprotección ante a Violencia de xénero encádrase na programación dos actos co gallo do 25 de novembro, data na que se celebra precisamente o día da non violencia contra das mulleres. Unha data que en San Sadurniño se celebra con máis actividades.
De feito, o departamento de Educación e Igualdade e mailo Equipo de Dinamización da Lingua do CPI volven organizar entre a comunidade escolar o III Concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca que o alumnado de 3º e 4º da ESO reflexione sobre o problema e lance unha mensaxe clara sobre como previla ou sobre como sensibilizar a sociedade. Os premios entregaranse o propio 25 de novembro ás 15 horas na Casa da Cultura. Valorarase en gran medida a orixinalidade e a eficacia comunicadora do relato. O concurso vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e as bases poden consultarse nas bases que hai ao pé desta nova. Todos os traballos premiados exporanse na Casa da Cultura desde o día 15 ao 30 de novembro.
Trala entrega de premios, o alumnado do CPI asistirá á representación Verbas contra a violencia feminina a cargo de Lisístrata. É un espectáculo en forma de recital e audiovisual que pretende remover o máis íntimo as conciencias. Poesía, teatro e prosa danse cita para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social.
Por outra banda, esa mesma mañá os nenos e nenas de 1º e 2º tamén participarán nunha plantación simbólica de flores en lembranza das vítimas da violencia de xénero. Unha iniciativa que terá lugar nos parterres da Casa do Concello e na que colaboran Viveiros Horjales – A Casa da planta e Viveiros Florgalicia.











