San Sadurniño convoca o primeiro pleno ordinario do outono para este sábado
En San Sadurniño hai plenos ordinarios os primeiros sábados de cada dous meses. O de novembro tocaba a fin de semana pasada, pero ao ser festivo pasou para o segundo sábado. Así, o 8 de novembro, a Casa do Concello acollerá unha sesión na que, en principio, se incluíron asuntos de tipo informativo máis que executivo. Ao ser ordinario, o pleno inclúe o apartado de rogos e preguntas e o de mocións. A orde do día recolle unha presentada polo BNG sobre a necesidade de que a Xunta artelle medidas de apoio á pequena produción e comercialización de proximidade trala aprobación do decreto que regula esta actividade en feiras e mercados.
Un dos puntos destacados da convocatoria será o número 5, onde se lle dará conta ao pleno do estado de execución do orzamento con data de 31 de outubro. Trátase dun asunto incluído na sesión que non sería preceptivo a estas alturas do ano -o informe da liquidación preséntase sempre cando se pecha un orzamento-, pero que o goberno local quere levar a pleno “como un exercicio de transparencia a través do que a oposición e a veciñanza poida coñecer de que maneira se están xestionando os cartos públicos”, tal e como explica o titular de Facenda, Suso Soto.
O punto sexto tamén ten que ver coa economía municipal. Nel someterase á valoración da corporación a ampliación do prazo para compensar os cartos recibidos de máis nos exercicios de 2008 e 2009 procedentes da participación nos ingresos do Estado. Cómpre lembrar que daquela o goberno estatal ingresou nas arcas dos concellos e das deputacións máis diñeiro da conta en base a previsións de recadación a través de impostos que despois non se cumpriron, debido en grande parte ao estalido da crise.
Eses importes percibidos de máis polos entes locais e provinciais hai que devolvelos. De feito o Estado xa está recuperando os cartos descontándoos das transferencias que corresponderían en anos sucesivos. Neste sentido o que se leva a pleno é solicitar que no caso de San Sadurniño esa devolución se complete nun prazo máximo de dez anos, de forma que en cada orzamento se poida dispoñer de máis diñeiro para investir no municipio.
Tres dos puntos da orde do día -o 1 o 2 e o 3- son de trámite. O primeiro é a aprobación da acta da sesión anterior, o segundo a convalidación plenaria do regulamento da escola infantil municipal aprobado pola Xunta de Goberno Local e o terceiro refírese ao estado de tramitación de facturas correspondente ao terceiro trimestre do ano.
A falta de que na propia sesión se poidan incorporar mocións pola vía da urxencia, na data de convocatoria do pleno só o BNG presentara unha proposta para debate, centrada na reclamación de medidas de apoio ao comercio de proximidade logo de que a Xunta aprobase o decreto que regula a venda directa en feiras e mercados. Segundo os nacionalistas, o articulado do decreto “non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade”. A este respecto o Bloque considera imprescindible “desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade, a venda na propia explotación ou en liña, que teñan como obxectivo a promoción deste tipo de comercialización”.
Por iso a moción do BNG solicita do Goberno Galego a aprobación “en diálogo co sector” de actuacións específicas “que dinamicen a venda de proximidade e que garantan as condicións de traballo para as persoas produtoras” como poden ser, entre outras, cotas á seguridade social e tributarias adaptadas á reducida dimensión destes negocios, as liñas de axuda para a identificación dos produtos e as boas prácticas nas explotacións ou a creación dunha marca de calidade que ampare as producións locais.
O pleno comezará ás 11.30h. e, coma sempre, é aberto ao público e mesmo se permite a intervención veciñal tan pronto como se completen os puntos da orde do día. Ademais, a gravación da sesión estará dispoñible ás poucas horas a través do podcast do Concello de San Sadurniño na plataforma iVoox.











