San Sadurniño confirma a efectividade da depuradora biolóxica da Vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Hai algo máis dun ano que o Concello puxo en marcha un saneamento experimental no lugar da Vila, en Ferreira. Coma en calquera rede deste tipo fixéronse acometidas nas vivendas da zona, puxéronse tubaxes de condución e varios rexistros. Un alcantarillado normal e corrente, vaia. Porén, o realmente innovador -polo menos en Galicia- é o sistema de depuración, que funciona filtrando as augas fecais con gravas e area e aproveitando a capacidade das plantas para limpar os residuos. As análises realizadas tras varios meses de funcionamento indican que a depuradora está cumprindo con nota a súa finalidade e sen ningún tipo de custes de mantemento. A idea parece que funciona e agora o Concello estuda levala a outros lugares.

O Concello destinou arredor de 34.000 euros provenientes do Fondo de Compensación Ambiental á posta en marcha da rede de saneamento no lugar da Vila, situado en Ferreira de abaixo. É o primeiro proxecto deste tipo que se leva a cabo no municipio e, ademais, é pioneiro en Galicia. A cousa consistiu basicamente en construír un pequeno tecido de sumidoiros que desembocase nunha depuradora biolóxica. Algo que se logrou grazas á colaboración dos veciños e veciñas que cederon os seus predios para o paso das tubaxes e á adquisición por 1.000 euros do terreo no que se asenta a balsa, que en tan só uns meses se cubriu de vexetación.

E é que as plantas son a clave do sistema. No canto de empregar mecanismos eléctricos e produtos químicos o proceso baséase na fitodepuración. É dicir, úsanse distintas plantas acuáticas para limpar os residuos líquidos a medida que se filtran por un sustrato de grava e area. Toda a depuradora está composta dun tanque de decantación con tres compartimentos e unha balsa de fitodepuración que, ao final do percorrido da auga, conta cun pozo de control do nivel e vertedura. As análises realizadas na saída hai tan só unhas semanas indican que todos os niveis de nitróxeno, osíxeno e outros materiais están dentro dos parámetros normais. Un resultado que confirma a idoneidade dun sistema especialmente indicado para zonas rurais con pequenos nucleos diseminados, como é o caso de San Sadurniño.

Estímase que unha rede de sumidoiros convencionais para todo o municipio tería un custe superior aos 30 millóns de euros ou, dito doutro xeito, os orzamentos de dez anos. Porén, as minidepuradoras biolóxicas coma a de Ferreira son unha opción factible e asumible coa que o Concello pode ir despregando pouco a pouco o saneamento nas parroquias. De feito, esta foi unha das peticións formuladas nas xuntanzas dos orzamentos participativos deste ano en Naraío, onde o lugar do Chao é un firme candidato a contar en breve coa segunda depuradora biolóxica. A veciñanza mostrou o seu interese pola idea e mesmo se brindou a colaborar deixando pasar polo seu as tubaxes necesarias e buscando un lugar axeitado para o foxo de filtrado. 

Dependendo do seu tamaño, as fitodepuradoras teñen capacidade para procesar os residuos de ata 2.000 familias. A fitodepuración ten unha ampla difusión nos Estados Unidos e nos países do norte de Europa, onde xa demostrou a súa efectividade. Non consume enerxía e, ademais, as instalacións intégranse perfectamente no contorno natural. Outras das vantaxes que ofrece son a de adaptarse ben ás variacións de caudal, a de non emitir cheiros desagradables e a de que non proliferan as colonias de insectos, tal e como se pode comprobar visitando en calquera momento a depuradora da Vila.

Un proxecto xerador de emprego

O Concello fixo as obras por administración e botando man de oito operarios contratados a través dun plan especial de mellora de infraestruturas desenvolvido na segunda metade do ano pasado. O persoal eventual traballou neste e noutros proxectos municipais, de forma que se conseguiu baixar considerablemente o investimento preciso, ao tempo que se lle deu un emprego temporal a varias persoas que estaban no paro.

20 de novembro de 2014 | 22:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.