San Sadurniño aprobará as obras do POS nun pleno extraordinario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A sesión plenaria comezará ás 19.30h. Os dous grandes puntos da tarde serán a aprobación do destino do POS -cifrado para o ano en 204.000 euros- e a incorporación de importantes bonificacións en varias ordenanzas fiscais para quen teña o Carné Xove, que xa se pode tramitar na Oficina de Orientación Laboral. Canda eles tamén se debaterán estoutros asuntos: o rendemento de contas sobre o estado de execución do orzamento a data do 31 de outubro, a modificación da ordenanza da escola infantil para reflectir os prezos propostos pola empresa adxudicataria, a adaptación do Convenio Colectivo asinado co persoal laboral ás indicacións da Xunta de Galicia e, por último, a elección de Xuíza de Paz, á que se presentan tres candidatas.

Case todas as ordenanzas que se van modificar refírense ao pagamento de taxas e prezos públicos que reflectirán trala súa aprobación bonificacións dun 50 por cento para aquelas persoas menores de 30 anos que teñan o Carné Xove, que a partir de agora tamén se poderá tramitar no propio Concello. Os servizos municipais aos que se lles aplicarán estas bonificacións son os da subministración da auga, a dos sumidoiros, as licenzas de autotaxi e os referidos á limpeza de fincas. 

Porén, se cadra o que máis van notar os mozos e mozas van ser as bonificacións -tamén dun 50 por cento- nas licenzas de apertura dun establecemento, os servizos asociados aos casamentos civís nas dependencias municipais e, sobre todo, a importante rebaixa que o Carné Xove suporá na tramitación de expedientes urbanísticos e no uso tanto de instalacións como de servizos culturais e deportivos. Iso si, as rebaixas non se aplicarán automaticamente, senón que en todos os casos haberá que pedir a bonificación no intre en que se solicite o servizo do que se trate e acreditando sempre a vixencia deste carné orientado á xente nova, ao que están adheridos milleiros establecementos comerciais en toda Europa.

No apartado de modificacións, a corporación municipal tamén deberá someter a votación a variación dos importes reflectidos na ordenanza reguladora da taxa polos servizos da escola infantil municipal. Neste caso trátase de incorporar os prezos ofertados pola empresa Bolboreta S.C., sensiblemente máis baixos aos reflectidos inicialmente polo Concello en base ao plan de viabilidade do centro esixido pola Xunta.

Obras do POS

O outro grande punto da orde do día deste pleno extraordinario será o da aprobación das obras que se van acometer con cargo ao plan provincial de obras e servizos. A San Sadurniño correspóndenlle de cara ao 2015 un total de 204.020,70 euros, que se destinarán nun 67 por cento á rede viaria mentres que o outro 33 por cento restante irá parar a gasto corrente municipal.

O Concello preparou tres grandes proxectos que, en conxunto, supoñen o arranxo de case 6 quilómetros de pistas municipais. O primeiro deles ocuparase das pistas da Leiriña a Santiso e da do Xestal, en Ferreira, así como da do Vilar en Igrexafeita. O segundo proxecto, tamén para asfaltados, recolle a pista desde Castrelo ata A Veiga e o camiño da Escoitadoira, en Santa Mariña do Monte. O terceiro documento establece as obras de mellora da pista entre Soutocalvo e A Vila -Ferreira-, a das Paredes no Camiño Arriba, a do Cancelo -Lamas- e o camiño de Corrás en San Sadurniño.

Porén, estas non serán as únicas obras de acondicionamento da rede viaria que se acometerán no próximo ano, xa que o Concello xa ten definidos os proxectos que se acollerán ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais 2014-2015 do AGADER -o antigo PEIM-, que suporá un investimento de 131.700 euros na reparación doutros 6.5 quilómetros de pistas.

Elección da Xuíza de Paz

Á marxe destes dous grandes asuntos -os das obras e os da modificación das ordenanzas- o pleno tamén tomará acordos relativos ao Convenio Colectivo do persoal laboral para introducir cambios que respondan ás precisións informadas pola Xunta. Por outra banda, o goberno local tamén agarda poder dar conta do estado de execución dos orzamentos municipais a día 31 de outubro, logo de que o asunto quedase pendente no último pleno por causa dun retraso contable motivado, segundo a Intervención municipal, pola adaptación a un novo programa informático.

O último punto da sesión será a elección de Xuíza de Paz. Un tema que se anuncia en feminino na propia convocatoria dado que son tres mulleres as que presentaron instancias para participar nun proceso selectivo que debe resolver exclusivamente o pleno municipal.

25 de novembro de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.