Sae a licitación o bar-cafetería do Centro Cívico Municipal de Monforte
O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) publicará o vindeiro martes día 18 de novembro o prego de cláusulas administrativas que rexerá a adxudicación do contrato para a explotación do bar-cafetería doCentro Cívico Municipal, situado no Paseo do Malecón.
O citado prego xa está publicado no perfil do contratante da web www.monfortedelemos.es e, unha vez que se publique no BOP, as persoas interesadas terán vinte días naturais de prazo para presentar as súas ofertas.
A intención do Concello é que o Centro Cívico poida estar en funcionamento antes de que remate o ano en curso.
O servizo que se contrata incluirá as actividades de restauración propias dunha instalación de hostalería, incluída a celebración daquelas actividades complementarias que garden relación directa coa súa actividade principal.
O adxudicatario/a poderá utilizar de maneira privativa as dependencias do bar-cafetería e almacéns, así como aquelas outras dependencias que resulten necesarias para o desenvolvemento de actividades complementarias do obxecto principal.
O bar-cafetería, equipado con diversos bens mobles e utensilios, ocupa 77,23 m2 de salón; 20,20 m2 de cociña; 10,75 m2 para vestiario; e 20,79 m2 de almacén.
A contratación a realizar cualifícase como contrato de servizos de carácter administrativo, correspondendo a súa adxudicación á Xunta de Goberno Local.
O contrato terá unha duración de un ano, prorrogable por outro ano máis, a contar desde o día seguinte a acta de entrega das instalacións a prol do adxudicatario.
Unha vez finalizado o prazo contractual (xa sexa o inicial ou o prorrogado), o contratista deberá continuar a prestación do servizo, até un máximo de seis meses, até que un novo adxudicatario se faga cargo da súa prestación en idénticas condicións.
Horario da instalación
O local deberá estar aberto tódolos días do ano, mentres non se acorde o contrario, en horario que respecte a normativa correspondente.
O horario de funcionamento da explotación do establecemento de bar-cafetería acordarase co Concello. En todo caso, o horario mínimo en que deberá permanecer aberta a instalación, e que poderá ser mellorado polos licitadores, será o seguinte:
Apertura: 8 da mañá
Peche: 8 da tarde
Orzamento base de licitación e criterios de valoración
O orzamento de licitación ascende á cantidade de 5.110,68 euros anuais
A forma de adxudicación será a da oferta economicamente máis vantaxosa, atendendo a varios criterios de valoración.
Os criterios que servirán de base para a adxudicación serán por orde de importancia os seguintes:
1.- Oferta económica: ata 30 puntos
2.- Mellor tarifa de prezos: ata 20 puntos
3.- Memoria técnica: ata 20 puntos
4.- Ampliación do horario: ata 20 puntos
5.- Servizo de menú diario de comidas e/ou ceas: ata 10 puntos
Lugar e Prazo de presentación das proposicións
As proposicións presentaranse no Rexistro Xeneral de Entrada do Concello de Monforte de Lemos, sito no Campo de Santo Antonio s/n, na localidade de Monforte de Lemos, CP. 27400 (LUGO), en horario de 9.00 a 14.00 horas, dentro dos 20 DÍAS NATURAIS seguintes a aquel en que apareza o anuncio de licitación publicado no BOP. Se o último día de prazo finaliza en sábado ou festivo entenderase prorrogado ao inmediato hábil seguinte.











