RockArt Roll comeza este sábado para a promoción da arte rupestre das Terras de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedra
A-
A+

O vindeiro sábado 29 de novembro botará a andar RockArt Roll, un conxunto de paquetes turísticos e actividades diversas que teñen como fío condutor a arte rupestre da mancomunidade de Terras de Pontevedra.

A proposta consistirá en varios itinerarios e actividades que levarán os visitantes por algúns dos conxuntos rupestres máis importantes de Europa, situados todos eles a poucos minutos da cidade de Pontevedra. E n RockArt Roll ofrécese a posibilidade de achegarse á vida de homes e mulleres que gravaron uns extraordinarios deseños sobre as rochas hai 4.000 anos. Poderase saber quen eran esas xentes, como era a súa vida cotiá e cales eran as súas crenzas.

Da man de guías especializados e arqueólogos o público poderá admirar tesouros arqueolóxicos practicamente descoñecidos como a Laxe das Sombriñas en Ponte Caldelas, a Laxe das Rodas, ou Laxe das Ferraduras en Cotobade. Ademais poderán visitarse os centros arqueolóxicos situados na Caeira (Poio), Mogor (Marín), Tourón (Ponte Caldelas), e Campo Lameiro.

As actividades están dirixidas a un amplo espectro de público: escolares, asociacións e público xeral. Na oferta destaca o programa Arte Rupestre Express, que consistirá en rutas dunha mañá para visitar diversos conxuntos rupestres próximos á cidade de Pontevedra. Esta modalidade comezará a funcionar a partir da Semana Santa de 2015 e está pensada para todo tipo de público. As rutas faranse os sábados, na Semana Santa, e serán diarias nos meses de xullo e agosto. Sairase desde o centro de Pontevedra e regresarase ao punto de partida para as 14.00 horas.

Outras propostas que se irán anunciando na web de RockArt Roll son as visitas nocturnas ou as rutas de sendeirismo.

Todas as ofertas de RockArt Roll inclúen:

– Desprazamento aos lugares en autobús ou minibús

– Acompañamento de guías especializados e arqueólogos

– Realización de actividades participativas e didácticas que nos achegarán ao mundo da arte rupestre

A primeira saída piloto de RockArt Roll será o próximo sábado 29 coa asociación A Mámoa de Luou (Teo). O percorrido levaranos, pola mañá, aos petróglifos de Mogor, coñecidos pola súa interesante representación dun labirinto. En Pontevedra visitaremos o edificio sexto do museo de Pontevedra para admirar a colección de arte gótica e a sala dedicadas a Castelao. E xa pola tarde desprazarémonos a Campo Lameiro onde se explicarán os gravados e instalacións do Parque arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR).

Todas as persoas que queiran reservar a súa visita en grupo ou para escolares pódeno facer desde a vindeira fin de semana na web de RockArt Roll (www.RockArtroll.com) e proximamente na páxina de Terras de Pontevedra (www.terrasdepontevedra.org/es).

27 de novembro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.