Rio Natura Monbus Obradoiro asina un acordo con La Caixa polo que domiciliando unha nómina levas un abono
O Rio Natura Monbus Obradoiro e a entidade bancaria La Caixa presentaron hoxe o seu novo acordo de colaboración, polo que a firma pasa a formar parte do Club de Empresas Obradoiro.
O acordo permitirá aos clientes de La Caixa que domicilien a súa nómina, pensión ou seguros sociais dispor dun abono para ver ao Rio Natura Monbus Obradoiro no Fontes do Sar durante esta tempada.
Rafael Silva, conselleiro do club, destacou hoxe na rolda de prensa de presentación a importancia de que La Caixa se sume ao noso club empresarial obradoirista, “no que cabemos todos. A vinculación do abono aos produtos financeiros da entidade axudará tamén a aumentar a nosa masa social máis aló de Santiago de Compostela, pois estamos a falar dunha promoción que está en marcha en toda Galicia. Moitas veces o difícil é traer á xente a Sar: unha vez proban e viven a experiencia adoitamos ter novos obradoiristas para sempre”, relatou o conselleiro e director-xerente do complexo policlínico A Rosaleda, ao que engadiu que “o acordo permitirá tamén a La Caixa fidelizar aos seus mellores clientes da área Empresas, tal e como facemos as principais entidades da zona”.
Pola súa banda, Marc Benhamou, director territorial de La Caixa en Galicia, afirmou que nos agrada estreitar lazos co principal referente deportivo da cidade e un dos de toda Galicia, que ademais desde a súa volta á liga Endesa non para de darnos alegrías. Na Caixa creemos e identificámonos nos valores que transmite o deporte e por iso levamos á práctica este tipo de iniciativas, o que se pode apreciar, por exemplo, no patrocinio das selecciónes españolas absolutas de baloncesto que tamén estamos a facer”. O directivo finalizou felicitando á afección do Rio Natura Monbus Obradoiro pola súa constancia e desexándolle éxitos aos de Moncho Fernández.











