Rey Varela reivindica un maior protagonismo das cooperativas para unha produtividade eficiente
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, inaugurou esta mañá a xornada sobre cooperativismo “Cooperamos!” no salón de actos da Cooperativa do Val (Narón). Este encontro enmárcase dentro do programa de actuación da Rede Eusumo para o presente exercicio 2014. Unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Jose Manuel Rey salientou a unidade como mecanismo para a recuperación económica, ao tempo que encomiou a figura xurídica da cooperativa, “cun excelente comportamento durante a crise”. Neste senso, resaltou o incremento no número de cooperativas rexistrado en toda Europa “e sobre todo na nosa Comunidade”. O presidente do organismo supramunicipal sinalou a creación de máis de 2.800 sociedades cooperativas e laborais nos últimos dous anos en España “cunhas condicións de empregabilidade excepcionais xa que arredor do 80% dos postos de traballos creados teñen un carácter indefinido”. Jose Manuel Rey valorou as cooperativas como unha fonte indiscutible de emprego e xeración de oportunidades, así como un modelo de desenvolvemento sostible.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol reivindicou un maior protagonismo para estas organizacións para que o tecido produtivo gañe en eficiencia e sostenibilidade, ao tempo que considerou que xornadas como esta “fomentan o espírito emprendedor a través da fórmula da cooperativa ou o impulso do modelo empresarial no ámbito local con accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego colectivo”, dixo. A xornada celebrada hoxe na Cooperativa do Val pretende dar a coñecer este modelo mediante exemplos prácticos e visitas, así como co intercambio de experiencias entre persoas de referencia no mundo cooperativo.











