Rey Varela anuncia o desbloqueo definitivo da mellora da seguridade viaria na avenida 19 de Febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro de traballo cos membros da Asociación de Veciños de Serantes. Acompañado do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro Muñoz; e dos supervisores dos servizos municipais e das empresas que traballan para a Administración local, Jose Manuel Rey Varela repasou coa xunta directiva as intervencións de mellora e mantemento acometidas en Serantes nesta nova fase do Plan de Barrios.

Pero ademais de revisar o Plan de Barrios e tomar nota das novas suxestións da entidade veciñal, o primeiro edil da cidade anunciou o desbloqueo definitivo dunha demanda histórica dos residentes en Serantes: a construción de beirarrúas na Avenida 19 de Febreiro. Un compromiso que ten data concreta, xa que o día 10 do vindeiro mes de decembro se procederá ao pago das expropiacións e, de seguido, terá lugar a ocupación dos terreos para que a Deputación Provincial da Coruña poida licitar os traballos da primeira fase de mellora da seguridade viaria na que é a principal vía de comunicación de Serantes. Así mesmo, Jose Manuel Rey informou á entidade veciñal de que se habilitará como zona de estacionamento unha parcela próxima ás instalacións universitarias para suplir as necesidades de aparcamento que hai no barrio. O acordo para levar a cabo esta medida adoptouse en comisión informativa de Economía, Facenda, Patrimonio e Recursos Humanos o pasado día 30 de setembro.

Noutra orden de cousas, o rexedor municipal avanzou que se continuará cos traballos de pintado e sinalización viario no barrio. Neste senso, as tarefas de trazado horizontal se centrarán na circunvalación da feira de mostras de A Malata e diferentes zonas de Serantes. Outra das actuacións anunciadas polo alcalde esta mañá na xuntanza cos representantes veciñais de Serantes foi o arranxo e pintado da marquesiña da Avenida 19 de Febreiro, así como da barandilla que hai ata as Vivendas Sindicais. Tamén se colocarán sinais indicativas de rúas na Avenida 19 de Febreiro e as Sindicais.

No que atinxe ás tarefas de mellora e mantemento acometidas no barrio de Serantes polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello, ao abeiro da cuarta fase do Plan de Barrios, estas foron:

– Roce e chapeo en estrada Joane, Cobas, Avenida 19 de Febreiro, Camiño da Mariana, Cos, Porta de Neira, Aneiros de Arriba e estrada do cemiterio.

– Tarefas de lavado e baldeo en todas as calzadas e beirarrúas de Serantes.

– Limpeza e reparación de contedores e papeleiras en todo o barrio. Tamén a colocación de dous contedores en Cos -detrás de FIMO- e dous suxeitacontedores nas vivendas sindicais.

– Roce e limpeza dos lavadoiros de Os Corrais e A Malata, así como a apertura mediante roce do camiño cara o lavadoiro de A Malata.

– Traballos especiais de roce e limpeza nos accesos de A Malata dende a AP-9 e arredores do estadio, así como do caudal do río de Os Corrais.

– Un total de 48.900 metros cadrados de sega, roce e e mantemento de zonas verdes en A Malata e Serantes.

– Substitución de sete bancos con respaldo na zona da asociación de veciños e do parque.

– Revisión do funcionamento e o estado dos xogos nos parques infantís e biosaudables.

21 de novembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.