Rey Varela anuncia a apertura dun banco de alimentos que traballará de maneira coordinada coas entidades sociais da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou hoxe dos temas principais abordados na Xunta de Goberno Local celebrada esta maña na Casa Consistorial. Trátase da apertura e entrada en funcionamento do novo Banco de Alimentos da cidade e que prestará un servizo de ámbito comarcal; a adxudicación do acondicionamento da Oficina de Turismo da Praza de España; así como o contrato de servizos enerxéticos e mantemento das instalacións de edificios municipais, iluminación pública, semáforos e mellora da eficiencia enerxética do Concello de Ferrol. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro Muñoz; e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.

O novo Banco de Alimentos, integrado na Federación de Bancos de Alimentos e xestionado pola delegación Rías Alta da Coruña, é un compromiso asumido polo Executivo que preside Jose Manuel Rey Varela e se ubicará nunha nave do polígono de A Gándara. O Concello de Ferrol achegará 20.000 euros anuais para o seu funcionamento que permitirá a distribución de alimentos a entidades sociais da cidade e a comarca. O rexedor municipal destacou os meses de traballo conxunto entre a Concellería de Benestar Social e a Federación de Bancos de Alimentos para a súa apertura, que coincidirá coa recollida de alimentos da Operación Quilo que leva a cabo en toda España a federación e que terá lugar os vindeiros venres e sábado –días 29 e 30 de novembro-. “É a culminación dun proxecto importante de apoio ás entidades que están a traballar en coordinación permanente coas persoas que peor o están a pasar” sinalou o alcalde.

Por outra banda, e no que atinxe á Oficina de Turismo da Praza de España, a empresa “Construcciones Valdoviño” se encargará da execución dun proxecto que permitirá o acondicionamento do edificio de planta baixa da Praza de España, situado preto da Biblioteca Municipal. O investimento do Concello de Ferrol nesta actuación ascende a 128.458 euros e o prazo de execución dos traballos é de 3 meses.

Novo contrato de iluminación

Noutra orden de cousas, o rexedor tamén se referiu ao prego do contrato de servizos enerxéticos e mantemento das instalacións de edificios municipais, iluminación pública, semáforos e mellora da eficiencia enerxética do Concello de Ferrol. Trala realización dunha completa auditoría para coñecer a verdadeira situación do alumeado exterior e de edificios municipais, procedeuse a un contrato co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITEGA) para a asistencia e o apoio técnico, e posteriormente, elaborouse un estudo de viabilidade económica e financeira do novo contrato de iluminación.

Jose Manuel Rey destacou a unificación e aforro do novo contrato “que mellorará o servizo permitindo un aforro mínimo de 300.000 euros ao ano, a dotación de novas instalacións de iluminación e eficiencia enerxética a nosa cidade e garantindo o seu mantemento”. O rexedor ferrolán tamén salientou dous puntos importantes do prego: a nova iluminación de rúas e prazas do centro de Ferrol e a iluminación de edificios de titularidade municipal como a Biblioteca da Praza de España, o Centro Cultural Torrente Ballester, o Teatro Jofre, o Auditorio de Ferrol, a Peixaría do Mercado da Magdalena ou o Pazo Municipal.

Este novo contrato de servizos enerxéticos e mantemento será de quince anos e establece un custe anual de 2,7 millóns de euros, o que permite reducir o gasto por ano actual que ascende a máis de 3 millóns de euros. A comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade debaterá este mércores o documento co obxectivo de aprobar o inicio do procedemento de contratación na sesión plenaria de final de mes.

Reurbanización das rúas Sol e Alegre

Por último, o primeiro edil da cidade tamén deu conta do informe de previsións sobre as obras de reurbanización que está actualmente en marcha no centro da cidade: as rúas do Sol e Alegre. Neste senso, o rexedor municipal reiterou que o obxectivo do Goberno Municipal é adiantar os prazos de execución das mesmas “somos conscientes da importancia de que estas obras non prexudiquen ao comercio e aos cidadáns”, ao tempo que avanzou que a previsión é que as conexións co centro da cidade estean operativas antes das datas de Nadal.

Jose Manuel Rey anunciou que ao longo da vindeira semana se abrirá a rúa do Sol no tramo entre Terra e Rubalcava “o que permitirá recuperar o tráfico neste último treito e sobre todo a saída ao centro pola rúa Rubalcava”. Así mesmo, durante a segunda semana de decembro se procederá á apertura do tramo comprendido entre as rúas Rubalcava e Lugo, para ao longo da terceira semana de decembro abrir o treito entre Lugo e Roi Xordo. En canto aos traballos de reurbanización da rúa Alegre, o primeiro edil da cidade avanzou que esta mesma semana se procederá á apertura ao tráfico rodado dende a praza de Canido ata a rúa Coruña. E posteriormente, na terceira semana de decembro, se finalizará o aglomerado da rotonda da praza de Canido e da avenida do Rei. Jose Manuel Rey sinalou que “o cumprimento destes prazos demostrará que se pode facer moito en menos tempo, acurtando os prazos que estaban contratados”.

24 de novembro de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.