Reparto de puntos entre Santiago Futsal e Montesinos CFS Jumilla

Encontro Montesinos e Santiago Futsal
Empate e reparto de puntos no partido disputado esta tarde no Carlos García Ruíz entre Montesinos CFS Jumilla e Santiago Futsal. Os de Santiago conseguen un punto na pista dun rival directo na loita polos postos de permanencia.
Os primeiros minutos do encontro foron de total dominio visitante. Os galegos tiveron varias oportunidades de adiantarse no marcador. A primeira chegada, cun disparo moi perigoso de Hugo que desviou o meta local Chico, e despois nun tiro a porta baleira de Dani ‘Chinés’ que o de Salamanca enviou fóra. Chico salvaría tamén baixo paus o tiro de Gallego, impedindo así o primeiro gol do encontro.
No ecuador da primeira parte, o Montesinos CFS Jumilla faríase co dominio do balón e sería Aaron o que maior perigo ocasionaba ao conxunto galego, pero o meta Iker López salvaba as acometidas visitantes.
A falta de 50 segundos para o descanso, Pizarro adiantaría aos seus no marcador, e faría o 1-0 antes do descanso nun balón á área desde a liña de fondo de Ique. Arriscaría o Santiago Futsal con porteiro xogador nos últimos segundos da primeira parte pero chegaríase ao descanso coa vantaxe dun gol dos murcianos.
Saíron os galegos na segunda metade con maior forza, e na primeira xogada do segundo tempo Gallego lanzou o balón ao pau.
Foi determinante a expulsión de Aaron por dobre cartón amarelo, que deixaba aos seus en inferioridade numérica nos minutos nos que máis apertaba o Santiago Futsal. Cun xogador menos en pista para os locais, Lucas Bolo faría a igualada no minuto 26. E só un minuto despois, o capitán Diego Quintela lograba bater ao meta local Chico cun tiro cruzado a media altura e pór o 1-2 no marcador.
Co partido totalmente aberto, Ique lograría igualar o partido para os seus facendo o 2 a 2 no minuto 31 de partido.
O Santiago Futsal tivo oportunidade de facer o terceiro, pero o acerto de Chico en portaría impediría que os galegos volvesen adiantarse no marcador. Iván Rumbo tería a máis clara tras un gran pase Iker desde portaría, que se converteu en asistencia, pero que detivo o meta local. Mesmo Pizarro salvou en liña de gol a ocasión dos de Santiago, pero sen tempo para máis chegouse ao final do partido co empate no marcador e o reparto de puntos entre Montesinos CFS Jumilla e Santiago Futsal.
Sala de prensa
O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares analizou o encontro tras a conclusión “A finalización en ataque foi o noso cabalo de batalla. Non estivemos finos. Pero o equipo competiu a un nivel moi alto, cunha segunda parte impresionante. Poida que o empate se antolle xusto, pero se estivésemos máis finos na finalización traeríamos a vitoria”.











