Reordenación do aparcadoiro e mellora da seguridade no camiño peonil baixo o viaduto de Alfonso Molina
A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, acompañada por representantes de Stop Accidentes e Ancas (Camiños Escolares, Club Ciclista Riazor, Asociación de Comerciantes de Os Mallos e o colectivo de motoristas, presentou hoxe o proxecto municipal para a posta en valor do paso inferior baixo o viaduto de Alfonso Molina, entre as rúas Purga e Parga e Fernando Rei; un gran conector entre a zona de Catro Camiños e a de Os Mallos e que o Plan de Mobilidade Urbana da Coruña (PMUS) establece como un dos itinerarios peonís e ciclistas a realizar.
“Esta actuación responde ao principal obxectivo do PMUS: mellorar a calidade de vida das persoas, fomentando modos de transportes máis sustentable, controlando os crecentes volumes de tráfico e buscando a mellora da calidade de vida das persoas con accións de mellora da seguridade viaria, a accesibilidade, o transporte público ou, como é este caso, coa recuperación do espazo público para as persoas”, destacou Freire, quen engadiu: “Deuse prioridade a esta actuación porque este paso é utilizado, cada día, por miles de persoas que pasan de Catro Camiños a Os Mallos e viceversa, sendo tamén Camiño Escolar de centos de menores. Ademais, dáse cobertura nunha zona na que o uso da pasarela peonil é moi escaso, dada a súa pendente e localización; e converterase un punto moi utilizado e clave para a mobilidade sustentable nun paso ben iluminado e identificado claramente como itinerario de peóns, á vez que incorpora un tramo de carril bici, como alternativa á calzada de Alexandre Bóveda que ten moito tránsito motorizado”. A concelleira subliñou tamén a mellora da seguridade viaria neste punto dado que se creará un paso de peóns sobreelevado.
A concelleira explicou as actuacións a realizar tras detectar deficiencias na zona como o mal aspecto que ofrecen muros e teito, a ausencia de recollida de augas, iluminación deficiente, falta de carril bici e estacionamento de motos e bicis sobre a beirarrúa por falta de aparcadoiro para este tipo de vehículos. Neste sentido, a iniciativa, que actuará sobre unha superficie aproximada de 315 m2, inclúe:
– Iluminación con leds, con barras encaixadas no chan, destacando a súa característica como itinerario peonil, e iluminación indirecta no teito.
– Tarefas de limpeza e pintura.
– Paso de peóns -sobreelevado- no cruzamento do viaduto a Puga e Parga, en dirección a Catro Camiños.
– Tratamento lixeiro do pavimento e recollida de pluviais.
– Carril bici paralelo ao paso de peóns baixo ao viaduto sinalizado con pintura de cor diferenciada.
– Marca de identidade dos itinerarios propostos polo PMUS con franxas de varias cores no chan e sinalización con letras corpóreas de aceiro.
– Liberación do actual espazo de aparcadoiro entre o paso de peóns inferior e o estribo ou apoio do viaduto para destinalo a aparcadoiro cuberto de bicis e motos. “É unha actuación que non resta, senón que multiplica como a realizada no carril bici á UDC. O coche leva ao seu sitio, recolocándose as prazas de aparcadoiro noutro lugar baixo o mesmo viaduto, que non interfira no itinerario peonil, e devolvéndolle aos peóns un espazo que debe ser seu; o espazo polo que cada día camiñan miles de persoas e que os nenos utilizan para ir ao colexio; un espazo que, en definitiva, comunica e cohesiona barrios”, destacou a concelleira, quen lembrou que esta actuación conectará peatonalmente o itinerario que comeza en Os Castros, discorre pola Gaiteira, pasa por Alcalde Marchesi e o novo tramo de Puga e Parga, pasa polo interior de Os Mallos, chega a Ramón Cabanillas -onde o Goberno municipal está a executar a instalación dun ascensor urbano-, cruza a Sagrada Familia e chega á rúa Barcelona.
As obras arrincarán este mes cun prazo de execución de 30 días, destacando o potencial desta actuación como exemplo de execución dos itinerarios peonís do PMUS, da conexión e cohesión dos barrios e do compromiso do Goberno municipal coa mobilidade sustentable e coa mellora do espazo público.
“Estamos a falar de que esta actuación simboliza a recuperación da dignidade do peón, nun punto importante desa “autoestrada peonil” que cruza a cidade de forma case paralela á rolda de Outeiro: é “a rolda peonil dos barrios”, un itinerario vital que pon en valor a filosofía do PMUS e é un exemplo de traballo coordinado que soluciona de forma transversal moitas cuestións como a reordenación do aparcadoiro, a potenciación da mobilidade peonil e a bici, mellorando a seguridade das persoas e detectando oportunidades para reordenar o aparcadoiro. Este punto peonil protexido da auga ofrécelle ás persoas un respiro no camiño da mobilidade sustentable”, concluíu Freire.











